A Xunta ofertará servizo de vídeo interpretación ás persoas xordas nas urxencias de todos os hospitais públicos de Galicia, os 365 días do ano, as 24 horas

A Consellería de Sanidade ultima os detalles dun convenio coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para a creación dunha nova plataforma de comunicación destinada a atención das persoas xordas que acudan a calquera dos servizos de urxencias dos hospitais públicos de nosa comunidade

Trátase do primeiro paso para a posta en marcha do novo sistema que conlevará tamén unha formación para os profesionais implicados. O novo servizo estará en pleno rendemento no primeiro trimestre de 2024
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníuse esta mañá co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha; e o responsable de Accesibilidade deste colectivo, Miguel Dorado; para abordar a actualización e ampliación da plataforma pola que as persoas xordas poden comunicarse de maneira áxil e segura cos sanitarios dos servizos de urxencias.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta, estivo acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; o xerente da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), José Luis Somoza; e polo responsable de Tecnoloxías da consellería de Sanidade, Benigno Rosón.

García Comesaña destacou que a accesibilidade é un dos piares do sistema público galego, tamén do sanitario, por iso o paso que se deu hoxe “é moi importante, ao ampliar este servizo para as persoas xordas, os 365 días do ano, e as 24 horas do día, o que supón un importante esforzo tecnolóxico, así, hoxe damos o primeiro paso para conseguir unha mellor accesibilidade”.

A Consellería de Sanidade, a Amtega e a FAXPG asinarán un convenio cos detalles da ampliación dun sistema que elimina as barreiras de comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte, mediante un intérprete, a través dunha plataforma.

Estará en marcha no primeiro trimestre de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2023