A Xunta remata as obras de mellora da seguridade peonil na AC-116 ao seu paso polo concello de Narón coa execución dunha cuneta transitable no núcleo do Val

Esta intervención supuxo un investimento de case 50.000 € e reforza as cunetas de seguridade, que poden ser empregadas para o tránsito de peóns fóra da calzada

Habilitouse unha cuneta triangular remontable de 2,50 metros de ancho variable para a mellora da seguridade viaria en dous treitos da marxe esquerda da vía

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras  de mellora da seguridade peonil na estrada autonómica AC-116 ao seu paso polo concello de Narón, coa execución dunha cuneta transitable no núcleo do Val.

A intervención supuxo un investimento de preto de 50.000 euros e centrouse na habilitación dunha cuneta triangular remontable para o reforzo da seguridade viaria na marxe esquerda desta vía de titularidade da Xunta, en dous treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 4+940 e 5+200 e do 5+720 ao 5+790.

Deste xeito, os traballos na estrada AC-116 ao seu paso polo núcleo do Val permitiu actuar nunha cuneta en terra, non revestida, pola marxe esquerda, que nos últimos anos sufriu perdas de material debido á auga que circula por ela.

Co fin de evitar estas perdas de material, mellorouse a seguridade viaria da zona e evítanse infiltracións, ao dotar este treito de cunetas de seguridade, que ademais poden ser utilizadas para o tránsito de peóns fóra da calzada.

Máis en concreto, as actuación nestes dous treitos incluíron a escavación da marxe esquerda e recheo subbase e base de zahorra, a colocación de pozos con reixa e a execución de cuneta triangular remontable de 2,50 metros de ancho variable. Os traballos completáronse coa canalización de pluviais.

A obra xa rematada realizouse en terreos de dominio público adscritos á Axencia Galega de Infraestruturas, polo que non foi necesario realizar expropiacións para a súa execución

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2023