A Xunta adxudica por máis de 1 M€ a execución das obras das novas sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa

Habilitarase unha senda de 1.100 metros na estrada PO-302 e un itinerario de 270 metros ao longo da PO-306

A previsión é iniciar os traballos no vindeiro mes de agosto, cun prazo de execución de 8 meses, co obxectivo de poder rematalos no primeiro trimestre de 2024

Dotarase á contorna do núcleo urbano de itinerarios de uso peonil continuo na marxe dereita das dúas vías autonómicas, que sumarán 1,4 quilómetros de lonxitude

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

A Xunta adxudicou por 1.072.655 euros a execución das obras das novas sendas nas estradas PO-302 e PO-306, en Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa.

Con esta actuación, adxudicada á empresa Marconsa, Movimientos de Áridos y Construcciones Arosa, S.L., executarase un itinerario de uso peonil continuo na marxe dereita destas dúas estradas autonómicas, que sumará 1,4 km de lonxitude, na contorna do núcleo urbano deste municipio arousán.

A intervención suporá un investimento global de preto de 1,3 millóns de euros, tendo en conta o pagamento dos predios necesarios para a execución dos traballos.

A previsión é iniciar as obras vindeiro mes de agosto, cun prazo de execución de 8 meses, co obxectivo de rematalas no primeiro trimestre de 2024.

Este contrato permitirá executar un itinerario dunha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e unha senda de 270 metros na estrada PO-306, discorrendo entre os puntos quilométricos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre o quilómetro 0 e o 0+270 na segunda.

O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separado da estrada por medio dun bordo de formigón e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

As obras obxecto inclúen a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO302, que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

Ademais, construiranse os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO‐302; e unha rede de pluviais na PO‐306.

Tamén se renovará o alumeado na PO302, substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación.

Esta obra conta co financiamento europeo a través dos Fondos React-UE.

Data de actualización: 11/07/2023