A Xunta comeza a execución das obras da 1ª fase de mellora integral da travesía de Teixeiro, en Curtis, que suporán un investimento de máis de 1,3 M€

A actuación na estrada AC-231, que conecta coa N-VI e vai a Sobrado, ten un prazo de execución de 12 meses

Acondicionarase un treito de 500 metros da vía autonómica, mellorando tamén o Camiño do Centro Etnográfico do municipio, renovando as beirarrúas e o firme da travesía e as redes de saneamento para evitar molestias aos vehículos e os peóns

Na intervención inclúense traballos complementarios de mellora da seguridade, integración urbana e dotación de mobiliario urbano, con bancos, papeleiras e axardinamento

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

A Xunta vén de iniciar a execución das obras da primeira fase de mellora integral da travesía de Teixeiro, no concello de Curtis.

 

Esta actuación na estrada autonómica AC-231, que conecta coa N-VI e vai a Sobrado, ten un prazo de execución de 12 meses e suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

 

A intervención que se acaba de iniciar comprende un treito de preto de 1 km de lonxitude, en dúas zonas diferenciadas.

 

Mellorarase de xeito integral a travesía de Teixeiro, actuando nesta primeira fase ao longo de case 500 metros da AC-231, que se suman aos outros preto de 500 de intervención no Camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.

 

Os traballos céntranse na propia vía autonómica, ao longo de preto de 500 metros da estrada AC-321, comezando pola renovación das redes de abastecemento e de saneamento, executando rede de pluviais e sistema de drenaxe. Estas tarefas teñen como obxectivo evitar avarías e roturas frecuentes das redes, que provocan encharcamentos que acaban socavando o terreo e derivan no afundimento da estrada.

 

Tamén se renovarán as beirarrúas, dotándoas dun ancho mínimo de 1,8 metros, para garantir a accesibilidade e favorecer a mobilidade dos veciños. E ampliaranse os espazos nas zonas dos pasos de peóns para mellorar a visibilidade, actuando sobre o firme onde sexa necesario.

 

No marco desta obra, procederase, ademais, á canalización da rede de servizos: iluminación, telecomunicacións, electricidade, para a mellora estética da contorna, moi urbanizada, xa que agora eses servizos, na súa meirande parte, van mediante tendidos aéreos e grapados nas fachadas das edificacións.

 

De xeito complementario, realizaranse outras actuacións de mellora da seguridade viaria, de integración urbana e dotación de mobiliario, como bancos, papeleiras e axardinamento.

 

Na outra zona de actuación, os traballos centraranse no treito que se corresponde co Camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica, nun treito de preto de 500 metros. Neste caso, acondicionarase o aparcadoiro, co fresado e disposición dunha nova capa de firme, e disporanse novas instalacións de pluviais ata conectar co colector existente.

 

A actuación permitirá mellorar a drenaxe e as redes de saneamento e abastecemento municipais, que van soterradas e que están moi deterioradas. Isto, na actualidade, causa filtracións ao terreo que ocasionan problemas de estabilidade e afundimentos no firme da propia estrada e supoñen molestias para os vehículos e os peóns.

 

Esta obra de mellora viaria na AC-231 na travesía de Teixeiro tamén axudará á eliminación das fugas na rede de abastecemento municipal e os problemas de filtracións na rede de saneamento, contribuíndo, de xeito indirecto, a unha xestión máis eficiente dos servizos municipais da auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2023