A Xunta adxudica por case 2,9 M€ as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-400 ao paso polos concellos de Arbo, As Neves e Crecente

Estas intervencións iniciaranse na segunda quincena de xullo e terán un prazo de execución de 9 meses

As obras incluirán a rehabilitación da capa de rodaxe, o acondicionamento de interseccións ou a mellora da drenaxe

Acondicionarase as interseccións arredor dos quilómetros 13+900 e 17+500, coa incorporación dun carril central para facilitar os desvíos

Tamén se levará a cabo a reposición das marcas viarias en todo o treito da actuación e a colocación de captafaros

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 2.883.779 euros as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-400 ao paso polos concellos de Arbo, As Neves e Crecente.

Estas intervencións, adxudicadas á empresa Covsa, comezarán na segunda quincena de xullo e contan cun prazo de execución de 9 meses.

O obxectivo deste contrato é a renovación do firme da calzada nalgúns treitos da estrada PO-400, entre os puntos quilométricos 8+700 e 12+660, ao seu paso polo concello das Neves; do 12+660 ao 17+800 e do 19+300 ao 24+800, en Arbo; e do 24+800 ao 28+000, en Crecente.

As obras consistirán no fresado e reposición do firme das zonas localizadas que se atopen deterioradas e no recrecido nalgúns treitos.

Tamén se levará a cabo o acondicionamento das interseccións arredor dos quilómetros 13+900 e 17+500, coa incorporación dun carril central para facilitar os desvíos.

Acometerase, ademais, a reparación puntual da sección transversal en distintos puntos para mellorar a capacidade de drenaxe.

Por último, procederase á reposición das marcas viarias, símbolos e cebreados en todo o treito da actuación e á colocación de captafaros.

Data de actualización: 10/07/2023