A conselleira de Política Social e Xuventude, acompañada do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, visitou hoxe en Ourense Cáritas, Afaor e a Fundación San Rosendo

Fabiola García anuncia a publicación no Diario Oficial de Galicia da orde de axudas a entidades de inclusión social, dotada con 19,7 millóns de euros

Trasladou o apoio do Executivo autonómico para garantir a viabilidade dos proxectos das entidades e para apostar por novas iniciativas e axudas

Ourense, 10 de xullo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde de axudas de entidades de inclusión social, dotada con 19,7 millóns de euros. Fíxoo en Cáritas Ourense, onde estivo acompañada do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, con quen tamén visitou as instalacións da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) e da Fundación San Rosendo.

Fabiola García destacou o papel principal que xogan as entidades sociais para que as persoas que están a pasar un mal momento poidan recuperar a súa autonomía. Neste sentido, trasladou o apoio do Goberno galego para garantir a viabilidade dos seus proxectos e para apostar por novas iniciativas e axudas.

A conselleira explicou que a través da nova convocatoria da orde de axudas a entidades que hoxe recolle o DOG, a Xunta concede achegas para programas, centros de acollida, comedores sociais e demais servizos que estas poñen a disposición das persoas que máis o necesitan. Así mesmo, avanzou que estas axudas se ampliarán nos vindeiros días a través doutra orde con cargo ao 0,7% do IRPF, destinadas a entidades de distintos ámbitos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2023