A directora xeral de Patrimonio Natural e o alcalde ourensán comprobaron esta mañá o resultado dos labores realizados nun tramo á altura de Ricovanca

A Xunta completa unha actuación de limpeza e poda nas marxes do río Verdugo ao seu paso por Beariz

Belén do Campo salienta que os traballos sobre o terreo remataron a semana pasada e foron executados no marco do programa Mil Ríos, financiado con fondos europeos

Beariz (Ourense), 10 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia acaba de completar unha actuación de limpeza, poda e retirada de restos vexetais en ambas marxes do río Verdugo, ao seu paso polo concello ourensán de Beariz.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada polo rexedor municipal, Manuel Prado, e a xefa territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Victoria Núñez, visitou hoxe a zona que foi obxecto dos traballos, un tramo próximo á ponte medieval de Ricovanca, pertencente á conca do Verdugo-Oitavén.

Tras indicar que esta é unha das actuacións impulsadas polo Goberno galego no marco do programa Mil Ríos —financiado con fondos europeos para restaurar estes ámbitos, incrementar a súa biodiversidade e optimizar a conectividade ecolóxica—, do Campo explicou que os traballos remataron a semana pasada e consistiron basicamente na limpeza e retirada de árbores mortas e restos de madeira no dominio público hidráulico.

Ademais, tamén se eliminaron algunhas especies exóticas invasoras, uns labores de restauración que permitiron recuperar a continuidade do ecosistema fluvial ao tempo que se facilitou tamén o tránsito pola zona que dá acceso á ponte e ao muíño.

Cómpre lembrar que Galicia conta con máis de 31.000 quilómetros de ríos, cun alto valor ecolóxico e que enriquecen os valores naturais e paisaxísticos da Comunidade, constituíndo un dos principais reservorios de especies silvestres de flora e fauna.

Por este motivo, a directora xeral de Patrimonio Natural salientou a importancia de actuacións como a que se acometeu en Beariz para poñer en valor o papel dos nosos ríos como elemento vertebrador e identitario ademais de supoñer un atractivo máis desde o punto de vista do turismo verde e sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2023