Os participantes no programa Escolas Abertas da Secretaría Xeral da Emigración coñecen a Feira de Artesanía de Agolada e o mercado de abastos de Santiago

Durante este fin de semana, os máis de 50 galegos do exterior que participan en este curso tamén realizaron no centro de Santiago unha foliada para mostrar os bailes que están a desenvolver neste programa onde reciben docencia en baile, canto popular e pandeireta tradicional, gaita, percusión, confección de traxes e cociña galega

Na mañá de hoxe recibiron unha xornada de formación en cociña da man do restaurador Miguel González e esta tarde serán Xurxo e Carlos Núñez os que ofrezan unha masterclass
 

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2023

O medio cento de galegos do exterior que participa no programa Escolas Abertas da Secretaría Xeral da Emigración continúan a realizar actividades complementarias aos cursos de cultura galega que están a levar a cabo no Centro Superior de Hostaleira de Galicia. Os alumnos achegáronse esta fin de semana ata o mercado de abastos de Santiago e tamén ata os pendellos de Agolada para coñecer máis en profundidade o mundo da artesanía galega.

O sábado pola noite, ademais, desenvolveron unha foliada nas prazas do centro de Santiago ofrecendo así a visitantes e veciños diferentes actuacións nas que combinaron baile, percusión e gaita.

Escolas Abertas ten como obxectivo formar a membros de entidades galegas de Europa e América en baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, gaita tradicional galega, percusión tradicional galega, confección de traxe tradicional galego e cociña. Desenvólvese ata o próximo día 15 de xullo no Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Durante a mañá de hoxe foi o cociñeiro de Pereiro de Aguiar, Miguel González, que conta cunha estrela Michelin, o que ofreceu unha master class sobre gastronomía galega aos alumnos de cociña, mentres pola tarde serán Xurxo e Carlos Núñez quen acheguen formación sobre a gaita aos participantes neste programa.

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2023