O presidente da Xunta visitou as instalacións de Mariscos Daporta en Cambados

Rueda destaca que a nova Lei do litoral dá seguridade ás empresas da cadea mar-industria, un sector que xera 9.000 M€ ao ano e uns 40.000 empregos directos

Subliña que a norma aporta estabilidade e permitirá manter 4.000 edificacións como empresas, colexios ou centros de saúde que están no litoral e que a normativa do Goberno central poñía en risco

Resalta a importancia do sector mar-industria para a economía galega, e que son os primeiros interesados en coidar a súa fonte de vida e de riqueza

Asegura que a lei galega vai garantir o equilibro entre a conservación do medio ambiente e actividades estratéxicas en territorio marítimo, fronte a unha normativa estatal cada vez máis restritiva

Cambados (Pontevedra), 10 de xullo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia que acaba de aprobar o Goberno autonómico dá seguridade ás empresas da cadea mar-industria, un sector clave para a economía galega. Durante unha visita ás instalacións de Mariscos Daporta, no porto de Tragove en Cambados, salientou que a normativa ofrece garantías xurídicas a unhas 4.000 edificacións -empresas, vivendas, centros de saúde- presentes no litoral galego e que a actual lexislación estatal poñía en risco.

Rueda, acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou o peso que a cadea mar-industria ten na economía galega, ao resaltar que se trata dun sector que representa o 5 % do PIB galego, xera 9.000 millóns de euros ao ano e do que dependen 40.000 postos de traballo directos.

O presidente asegurou que o obxectivo principal da normativa autonómica é garantir o equilibro entre a conservación do litoral e actividades estratéxicas en territorio marítimo. Nesta liña, lembrou que tanto a Administración galega como a cadea mar-industria son “os primeiros interesados en preservar e mimar a contorna” e asegurou que é posible manter actividades claves desde o punto de vista socioeconómico e que se desenvolven de forma totalmente sostible. “Aquí en Galicia queremos seguir vivindo do mar e coidando do mar”, aseverou.

O presidente fixo fincapé en que un eido tan vencellado ao tecido produtivo galego precisa garantías e estabilidade, algo que non ofrece a actual normativa de Costas do Goberno central, moi restritiva e “contraria aos intereses de miles de postos de traballo e moitísimas empresas” que busca que o litoral quede libre de calquera actividade sen ter en conta a realidade de cada territorio. “Non ten sentido unha norma que trata a todo o litoral de España por igual” e concluíu que Galicia “vive do seu mar coidando do seu mar”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2023