A Xunta renova o seu compromiso coa prevención, información e asesoramento á cidadanía sobre o xogo responsable

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou hoxe os convenios de colaboración coa Asociación Gallega de Ludópatas en Rehabilitación e coa Asociación Gallega de Jugadores Anónimos

O obxectivo é apoiar estas organizacións para que continúen coa prestación de atención especializada ás persoas que padecen ludopatías e problemas derivados da adicción ao xogo

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asinou hoxe con representantes da Asociación Gallega de Ludópatas en Rehabilitación (Agalure) e da Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (Agaja) os novos convenios para apoiar a prestación de atención especializada ás persoas que padecen ludopatías e problemas derivados da adicción ao xogo.

Segundo sinalou Diego Calvo, a renovación destes acordos, dotados con 5.000 euros cada un deles, pon de manifesto o compromiso da Xunta coa prevención, información e asesoramento á cidadanía sobre o xogo responsable. Nesta liña, referiuse tamén á recente aprobación da Lei reguladora dos xogos de Galicia, froito dun longo proceso de diálogo con todos os colectivos implicados, que inclúe importantes novidades para garantir un xogo responsable e con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

Tras a sinatura dos convenios, o vicepresidente primeiro puxo en valor o traballo das asociacións que tratan os problemas derivados de condutas aditivas relacionadas co xogo a prol da prevención, promoción, divulgación, información e asesoramento en materia de xogo responsable.

Así, Agalure e Agaja garántenlles atención especializada ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adicción ao xogo, ao tempo que ofrecen información, orientación e sensibilización sobre este tema ao conxunto da sociedade.

A Asociación Gallega de Ludópatas en Rehabilitación ofrece ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivadas da adicción ao xogo atención médica e psicoterapéutica, asesoramento xurídico e os apoios necesarios para a rehabilitación e inclusión social dos afectados. Ademais, traballa na detección das persoas afectadas por este problema para levar a cabo actuacións preventivas e de sensibilización que axuden á comprensión social deste colectivo.

Por outra banda, a Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (AGAJA) desenvolve actividades terapéuticas para a recuperación de persoas ou colectivos con trastornos de conduta ou control derivados dos xogos do azar ou semellantes, xunto con medidas para apoiar a súa reinserción social e a do seu entorno máis próximo. Tamén leva a cabo iniciativas de sensibilización á sociedade en xeral, e sobre todo nos ámbitos familiar, escolar e laboral, sobre os riscos que os xogos de azar supoñen ao xogador habitual e os seus familiares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2023