A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Fene da rúa Pablo Areas Feal e da pasarela peonil sobre a liña do ferrocarril

A entidade local asume a titularidade destes tramos antigos da estrada AC-133 e terá a responsabilidade da súa conservación e mantemento

O departamento de Infraestruturas da Xunta mellorou a accesibilidade e rehabilitou a pasarela no ano 2017 cun investimento de 270.000 €

O decreto publicado producirá efectos desde mañá

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto da transferencia a prol do Concello de Fene do treito antigo da estrada AC-133, xunto coa súa franxa de dominio público viario, incluíndo a pasarela peonil existente sobre a liña do ferrocarril, salvo a superficie da plataforma ferroviaria.

O departamento de Infraestruturas executou no ano 2017 o itinerario peonil e ciclista na AC-133, no Ramo, ao seu paso polo municipio cun investimento de 270.000 €. Trátase dun itinerario de 630 metros de lonxitude e 2,2 metros de ancho ao longo do treito antigo, deixando unha calzada de dous sentidos de circulación de 6 metros. Ademais, coa obra reparáronse as varandas da pasarela, e repintouse para protexela da oxidación.

O Concello de Fene solicitou á Xunta de Galicia a transferencia dese treito antigo da marxe dereita da AC-133 desde o punto quilométrico 2+030 ao 2+650, denominado rúa Pablo Areas Feal, en Barallobre. Ese treito non presenta continuidade ao estar cortado pola liña de ferrocarril, carecendo de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito antigo da AC-133 de 117 metros, con inicio no quilómetro 2+030 marxe dereita e final na plataforma de ferrocarril da beira leste.

Ademais, na proposta formulada inclúese tamén o cambio de titularidade do segundo treito antigo da estrada AC-133, de 466 metros de lonxitude, con inicio na plataforma do ferrocarril, beira oeste, e final no quilómetro 2+650 da marxe dereita.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 29 de xuño: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0533-030723-0002_gl.html

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Coa publicación hoxe deste decreto, o Concello de Fene terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, é dicir, desde mañá.

Data de actualización: 10/07/2023