A Xunta licita por máis de 405.000 € novas obras do eixe de mobilidade sostible Pontevedra-Marín que completarán a transformación integral da PO-546 en Estribela

Esta nova actuación correspóndense cunha 2ª fase de intervención en Estribela, entre o quilómetro 4+890, desde o final da 1ª fase agora en obras, e o 5+060, no límite municipal

Remodelarase a sección transversal da rúa actual, ampliando os anchos das beirarrúas, cunha calzada que será de 3,10 metros na zona cun só carril e de 6,20 metros na parte con dous carrís

O prazo para que as empresas interesadas presenten ofertas rematará o 3 de agosto

A Xunta impulsa a mobilidade peonil-ciclista na unión do núcleo de Marín coa cidade de Pontevedra, comunicando os puntos de interese ao longo do eixe oeste–este, como o porto, os edificios da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar por 406.815,83 euros novas obras para conformar un eixe de mobilidade sostible na estrada Pontevedra-Marín, a PO-546. Neste caso, trátase da segunda fase das actuacións que completarán a transformación integral do treito urbano de Estribela.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a contratación destas intervencións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de agosto. O prazo para a execución dos traballos é de 12 meses.

En concreto, esta nova actuación correspóndense cunha segunda fase das obras no treito comprendido entre o punto quilométrico 4+890 (o final da 1ª fase de Estribela que está agora mesmo en execución) e o 5+060 (no límite municipal), completando o acondicionamento do treito urbano da PO-546 en Estribela, no concello de Pontevedra.

Para iso remodelarase a sección transversal da rúa actual, ampliando os anchos das beirarrúas.

A calzada terá un ancho de 3,10 metros na zona cun só carril; e un ancho de 6,20 metros na parte con dous carrís, zona de aparcadoiros e carga e descarga.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, as beirarrúas terán 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, compostas por laxa de pedra granítica sobre capa de morteiro e sobre soleira de formigón de 15 cm de espesor.

Nos pasos de peóns e nos extremos disporanse vaos peonís con pavimento podotáctil (botóns ou direccionais) co fin de facilitar a accesibilidade.

Na intervención incluirase novo alumeado e reposición da sinalización e balizamento da zona de actuación.

O contrato incluirá a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.

A Xunta segue avanzando no impulso da conformación deste novo eixe de mobilidade peonil-ciclista que conecte o núcleo poboacional de Marín coa cidade de Pontevedra, que permita comunicar os puntos de interese da cidade ao longo do eixe oeste–este, tales como o porto, os servizos administrativos da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos.

Esta 2ª fase de Estribela súmase á actuación, co proxecto xa aprobado, entre Mollabao e Os Praceres; complementándose coa xa executada no treito urbano de Marín; coa que está en execución da 1ª fase de acondicionamento en Estribela, en Pontevedra; e co proxecto para rematar os treitos urbanos de Marín.

A Xunta completará un investimento global de case 10 M€ para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nun verdadeiro eixe de mobilidade sostible.

Esta intervención forma parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.

Data de actualización: 10/07/2023