Xosé Merelles destaca a relevancia da 45 edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiron á inauguración do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

O Festival de Ortigueira está xa plenamente consolidado como referente do folk internacional

Contará coa actuación de 45 formacións musicais, con máis de 200 artistas que sumarán máis de 60 horas de música celta

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiron esta tarde á inauguración da 45 edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Declarado Festa de Interese Turístico Nacional no ano 2003 e no 2005 de Interese Turístico Internacional.

Merelles indicou que o Festival de Ortigueira está xa plenamente consolidado como un referente do folk internacional. Tense convertido por méritos propios nun dos eventos musicais máis multitudinarios de toda España. Este ano prevese que asistan máis de 80.000 persoas, ademais das máis de 50.000 persoas que o seguen a través das redes sociais. 

“Non é doado xuntar no mesmo escenario a 45 formacións musicais galegas, asturianas, de Castela-León, aragonesas, madrileñas, escocesas, irlandesas, da Bretaña francesa, de Illa de Man e ata de Canadá, con máis de 200 artistas que entre todos sumen máis de 60 horas de música celta”, destacou o director de Turismo de Galicia.

Con música no escenario principal, no Teatro, na Igrexa, en Morouzos e practicamente en calquera rúa de Ortigueira durante os oito días que dura o Festival ao que suman tamén obradoiros de baile galego, bretón, irlandés, asturiano, de fotografía, masterclass e postos de artesanía.

Por parte de Turismo de Galicia vense colaborando co concello de Ortigueira para a celebración deste evento. Merelles agradeceu ao concello a súa implicación neste gran evento e á Escola de Gaitas de Ortigueira como fundadora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2023