A Xunta salienta o papel da Festa do Percebe do Roncudo de Corme na posta en valor dun producto e dun oficio emblemáticos da Galicia mariñeira

Ponteceso (A Coruña), 8 de xullo de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu hoxe á XXXI Festa do Percebe do Roncudo de Corme, unha celebración que serve para poñer en valor un produto e un oficio emblemáticos da Galicia mariñeira. O titular de Mar, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, puido degustar este crustáceo, un dos máis demandados e cotizados do litoral da comunidade e froito do duro traballo das percebeiras e percebeiros que arriscan a súa vida para extraelo. Ademais, neste caso trátase dun produto especialmente exclusivo pois a actividade extractiva na zona do Roncudo unicamente se abre dúas veces ao ano, para a celebración desta festividade e durante o Nadal.

Esta cita gastronómica está organizada polo Concello de Ponteceso coa colaboración da confraría de pescadores de Corme e as percebeiras e percebeiros da zona. Na actualidade conta co título de Festa de Interese Turístico de Galicia e aspira a converterse tamén en Festa de Interese Turístico Nacional. Nesta liña, o conselleiro do Mar desexou que tras esta XXXI edición veñan moitas máis pois trátase dunha das celebracións gastronómicas máis recoñecidas do verán galego e que leva aparelladas importantes actividades culturais e divulgativas vencelladas co percebe. Ademais, cada ano que pasa adáptase ás novas tendencias apostando pola sostibilidade e o coidado do medio ambiente con distintas medidas para reducir o lixo xerado polos asistentes. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/07/2023