Xosé Merelles destaca a importancia da ruta Traslatio para impulsar a Galicia como destino turístico náutico

A ruta Traslatio trátase dunha das dez rutas xacobeas oficialmente recoñecidas e a única que existe polo mar, rematando cun remonte polo río Ulla

A Xunta ten en marcha un proxecto que conta con 1,3 millóns de euros para dotar de novos recursos e infraestruturas aos portos deportivos e club náuticos vinculados á Ruta

Forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, Pobra do Caramiñal e Rianxo

O proxecto está incluído no marco das accións de cohesión en destino do Plan Xacobeo Next Generation

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participou no acto previo á celebración da XXXVII edición do remonte conmemorativo da Traslatio, onde indicou a importancia desta ruta para impulsar a Galicia como destino turístico náutico.

 

Merelles lembrou que a Xunta ten asinado un convenio coa Asociación de Clubes Náuticos de Galicia para a promoción da Ruta Traslatio, que no marco das accións de cohesión en destino do Plan Xacobeo Next Generation, destina a este proxecto 1,3 millóns de euros, co obxectivo de impulsar a Galicia como destino turístico náutico.

 

O convenio ten como obxecto revalorizar os activos turísticos vinculados á Ruta Traslatio, con accións de mellora da eficiencia das infraestruturas portuarias, rehabilitación de infraestruturas e a dixitalización de recursos para optimizar a experiencia do visitante náutico a Galicia. Forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, Pobra do Caramiñal e Rianxo.

 

Trátase dunha aposta por revalorizar os activos turísticos, levando adiante accións que permitan mellorar a experiencia dos usuarios ao tempo que melloramos a eficiencia das infraestruturas portuarias, rehabilitamos estruturas e poñemos en valor medioambiental e patrimonialmente os recursos turísticos cos que conta o trazado polo que discorre esta ruta xacobea única.

 

“Dende a Xunta temos moi clara a importancia que ano tras ano está collendo o turismo náutico e queremos facer de Galicia unha potencia turística para o sector náutico”, indicou o director de Turismo.

 

Ruta Traslatio

A ruta Traslatio trátase dunha das dez rutas xacobeas oficialmente recoñecidas e a única que existe polo mar, rematando cun remonte polo río Ulla co que se conmemora a chegada a Galicia, por mar do corpo do apóstolo Santiago. Os portos de Ribeira e do Grove marcan a entrada á ría de Arousa, por cuxas augas navegou a barca do apóstolo as súas últimas millas.

Data de actualización: 08/07/2023