O presidente da Xunta participou hoxe na XXIV edición da Feira do viño de Valdeorras
Rueda destaca o apoio da Xunta ao sector vitivinícola para consolidalo como punta de lanza do agro galego
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a firme aposta da Xunta por apoiar o sector vitivinícola para consolidalo como punta de lanza do agro galego.
Así o sinalou hoxe durante a súa participación na XXIV edición da Feira do viño de Valdeorras, “unha terra á que hai que prestarlle especial atención” e na que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González. Alí, destacou a calidade dos viños desta denominación de orixe e na que lembrou que “hai que festexar os viños de Valdeorras”. Tamén gabou o esforzo de produtores e viticultores á hora de seguir apostando pola excelencia.
Ademais, puxo en valor o compromiso da Xunta co sector a través de iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas; a futura lei de calidade alimentaria; ou as axudas específicas para a elaboración, comercialización e promoción dos viños galegos, na que se levan investidos 29 millóns de euros nos últimos cinco anos.