A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu hoxe á primeira proba do XXV Campionato galego de caza San Huberto

A Xunta subliña o papel da actividade cinexética no mantemento do equilibrio natural

Ángeles Vázquez enmarca a colaboración entre o Goberno autonómico e a Federación galega de caza no obxectivo común de fomentar esta práctica deportiva e formar e sensibilizar aos cazadores na protección da fauna e o seu aproveitamento sustentable

Vimianzo (A Coruña), 8 de xullo de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe o papel que xogan a actividade cinexética e os cazadores no mantemento do imprescindible equilibrio natural na Comunidade.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a vicepresidenta segunda asistiu á celebración da primeira proba do XXV Campionato galego de caza San Huberto, que se disputa entre hoxe e mañá no concello coruñés de Vimianzo e computa para clasificarse en representación de Galicia na competición nacional prevista para os días 23 e 24 de setembro en Almería.

Tras agradecer a invitación da Federación galega de caza, organizadora do evento, Ángeles Vázquez salientou a colaboración que manteñen desde o ano 2015 o seu departamento e esta entidade a través da subscrición de sucesivos convenios. Así, enmarcou esta cooperación no obxectivo común de fomentar a práctica cinexética a través de accións divulgativas e de formar e sensibilizar ao colectivo na necesaria protección da fauna a través do seu aproveitamento sustentable e ordenado.

O campionato San Huberto é un evento cinexético-deportivo que se realiza en terreos naturais sobre perdiz sementada —é dicir, de granxa— e durante o cal os concursantes están acompañados unicamente do seu can.

Tras saudar a algúns dos 33 participantes inscritos nesta primeira xornada —30 homes e 3 mulleres—, a vicepresidenta achegouse ata un dos campos de competición no que se disputaba unha das probas da categoría masculina.

Data de actualización: 08/07/2023