A Xunta amplía o orzamento que destina á Tarxeta Benvida para atender a todas as peticións

A partida económica deste programa pasa a ser de 35 millóns de euros

O obxectivo desta iniciativa é axudar a que as familias poidan atender os gastos que supón o nacemento dun bebé

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia amplía o orzamento que destina á Tarxeta Benvida para atender a todas as peticións que se reciban. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o incremento de crédito para esta axuda, polo que o orzamento deste programa queda agora en 35 millóns de euros.

 

O obxectivo destas axudas, que a Administración autonómica concede desde o ano 2016, é que os pais poidan atender os gastos que supón o nacemento dun bebé, como a compra de alimentos infantís, roupa, berces ou produtos de hixiene ou farmacia, entre outros.

 

Con carácter xeral, a contía da achega económica que reciben as familias a través da Tarxeta Benvida é de 1200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo. Esta duplícase no caso das familias numerosas e increméntase un 25% no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

 

A Tarxeta Benvida forma parte das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar ás familias, tales como: a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, ou o bono coidado familia para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2023