Fabiola García afirma que as residencias de maiores comezan unha nova etapa tras levantarse as últimas restricións pola pandemia

Sinala o novo modelo de coidados como a folla de ruta para a mellora do sistema de coidados que pasará por crear centros máis tecnolóxicos, máis parecidos a un fogar, máis coordinados a nivel sociosanitario e con espazos máis reducidos e privados

O Boletín Oficial do Estado publicou esta semana a finalización da crise sanitaria e a eliminación da máscara naqueles lugares nos que aínda era obrigatoria, como as residencias de maiores

A Estrada (Pontevedra), 7 de xullo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, afirmou esta mañá que as residencias de maiores comezan unha nova etapa tras levantarse as últimas restricións pola pandemia. Así o manifestou durante unha visita os usuarios da residencia de maiores Amboage, no concello da Estrada, onde puido coñecer as primeiras impresións dos maiores tras esta nova medida adoptada a nivel nacional.

 

A conselleira celebrou que os usuarios destes centros e os seus profesionais poidan por fin prescindir das máscaras logo dos difíciles momentos vividos durante a pandemia da covid-19. Neste sentido, lembrou que esta mesma semana o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a finalización da crise sanitaria e a eliminación da máscara naqueles lugares nos que aínda eran obrigatorias, como as residencias.

 

Fabiola García apuntou que para iniciar esta nova etapa o Goberno galego ten elaborado un novo modelo de coidados no que se recollen as leccións aprendidas durante a pandemia e no que se busca mellorar o sistema de atención. Estas medidas teñen como obxectivo crear centros máis parecidos a un fogar, máis tecnolóxicos, máis coordinados a nivel sociosanitario e tamén con espazos máis reducidos e privados para os usuarios.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023