A Xunta debate a futura Lei de innovación e ciencia de Galicia cos membros do Consello Asesor de I+D+i

A Administración autonómica continúa coas reunións bilaterais para consensuar a norma antes da consolidación dun borrador e o seu sometemento a audiencia pública e aprobación

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023

O Consello Asesor de I+D+i, órgano de participación e consulta dos axentes do sistema galego nesta materia para os asuntos relacionados coa investigación, a transferencia, a valorización e a innovación, reuniuse recentemente para avanzar na elaboración da futura Lei de Innovación e Ciencia de Galicia. Ademais, na xuntanza abordouse tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que establece os retos e prioridades da política de I+D+i para os vindeiros anos.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, informou ao Consello Asesor, formado por representantes do ecosistema galego de I+D+i, sobre a oportunidade de contar cunha nova Lei de Innovación e Ciencia de Galicia. Argerey contextualizou esta nova norma na crecente relevancia das políticas de I+D+i a nivel europeo e estatal e resaltou que porá o foco nas empresas e en como facilitar a súa innovación.

No que respecta aos retos aos que se enfronta, destacou a necesidade de reforzar a participación de todos os axentes, especialmente das pemes e da sociedade; impulsar grandes proxectos tractores; avanzar na adaptación dos instrumentos ás necesidades de cada sector; aumentar a capacidade de atraer e reter talento e mellorar o investimento a través da colaboración público-privada e do aproveitamento das oportunidades de colaboración entre rexións e a nivel internacional.

A norma, que se atopa actualmente na fase de elaboración do borrador de anteproxecto de lei en colaboración cos distintos axentes implicados para o seu enriquecemento e consolidación, persegue, entre outros obxectivos, incentivar a innovación entre as pemes e no sector público; avanzar na simplificación administrativa e abordar a fenda de xénero na I+D+i mediante medidas enfocadas á consecución da igualdade de oportunidades. Os seguintes pasos serán consolidar un borrador e sometelo a audiencia e información pública antes da súa aprobación.

Así mesmo, a directora da Axencia Galega de Innovación abordou cos representantes do ecosistema galego de I+D+i a RIS3, o marco estratéxico de especialización territorial baseado no coñecemento e na innovación. Ademais das novidades respecto da anterior e dos retos e prioridades definidas, fixo fincapé no novo instrumento das misións, que pretenden apoiar grandes proxectos transformadores que permitan dar resposta desde a I+D+i aos problemas da sociedade, reforzando ao mesmo tempo a competitividade da industria. A este fin destinaranse 30 millóns de euros a través de dúas convocatorias (en decembro de 2023 e no 2025) para financiar un número reducido de misións (entre 2 e 6) co fin de actuar como panca para a mobilización de recursos público-privados. Argerey anunciou que comezarán proximamente as reunións cos axentes para definir estas misións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2023