Os participantes no programa Escolas Abertas visitan o obradoiro de gaitas Seivane, coñecen a música de Cupeiro e profundan nos tecidos naturais

Durante a primeira xornada deste programa da Secretaría Xeral da Emigración, os máis de 50 alumnos comezaron a recibir docencia en baile, canto popular e pandeireta tradicional, gaita, percusión, confección de traxes e cociña galega

A próxima semana continuarán recibindo a visita de músicos e cociñeiros de renome
 

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2023

O medio cento de galegos do exterior que participa no programa Escolas Abertas da Secretaría Xeral da Emigración comezaron a realizar actividades complementarias aos cursos de cultura galega que están a levar a cabo no Centro Superior de Hostelería de Galicia. Onte, os alumnos de gaita achegáronse ata o obradoiro de gaitas Seivane para coñecer a construción tradicional destes instrumentos.

Os participantes no obradoiro de confección de traxes tradicionais puideron profundar nos tecidos naturais e na artesanía da man da experta costureira Inés Rodríguez, de Rir&Co. E pola tarde, os 54 alumnos puideron coñecer a música de Abraham Cupeiro, experto en instrumentos da Idade do Ferro, musicólogo e luthier.

Este programa ten como obxectivo formar a membros de entidades galegas de Europa e América en baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, gaita tradicional galega, percusión tradicional galega, confección de traxe tradicional galego e cociña. Desenvólvese ata o próximo día 15 de xullo no Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América.

Durante a próxima semana, os participantes continuarán a recibir a visita de recoñecidos músicos e de cociñeiros de prestixio galegos e desenvolverán dúas actuacións urbanas no centro de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023