Lorenzana reivindica en Agolada a importancia cultural e económica da artesanía de Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe a décima edición do Corazón da Artesanía, onde sinalou que o número de obradoiros rexistrados alcanza xa os 857, case o dobre que en 2012

Incide en que a través da futura normativa que regulará o sector non só se protexerá o seu valor patrimonial, senón que se seguirá traballando para que continúe xerando emprego de calidade

O encontro, organizado pola Xunta no conxunto histórico-artístico dos Pendellos, permite afondar durante tres días nas sinerxías coa gastronomía e a música

Agolada (Pontevedra), 7 de xullo de 2023 A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reivindicou este mediodía na inauguración do Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia a importancia económica e cultural do sector. Na súa intervención, Lorenzana sinalou que a Administración autonómica traballa para que a marca Artesanía de Galicia, da que forman parte 857 obradoiros, case o dobre que en 2012, teña cada vez unha maior visibilización, contribuíndo ao seu posicionamento e impulsando a súa internacionalización, así como as novas vocacións.

A responsable de Economía, Industria e Innovación lembrou que se está a traballar na futura Lei de Artesanía de Galicia, a través da cal se busca non só preservar o importante patrimonio cultural que supón o sector, senón tamén seguir impulsando unha actividade económica que xera emprego vinculado ao territorio. Lorenzana animou a visitar o Corazón da Artesanía, que a Xunta organiza durante toda a fin de semana no conxunto histórico-artístico dos Pendellos, onde durante tres días se proxecta “a grandeza de facer arte a man” e se poñen en valor “as nosas tradicións sempre pensando nun futuro prometedor”.

No programa inclúense demostracións en vivo de artesáns, exposición e venda de produtos gourmet, cursos de formación especializados, obradoiros abertos, actividades de música e baile e showcookings da mellor gastronomía galega servida en pezas da marca Artesanía de Galicia. Na edición deste ano está prevista a participación de 53 artesáns que representan 25 oficios diferentes, 38 como expositores de Artesanía de Galicia e outros 15 artesáns que participarán como docentes nos 8 cursos de formación e nos 6 talleres abertos para todos os públicos.

Durante os tres días do Encontro terán lugar sete cursos de formación especializada e centrados nos oficios da cestería, do coiro, do tecido en tear de baixo lizo, na estampaxe téxtil, no coiro, na madeira e no debuxo; mentres que os obradoiros abertos a todos os públicos iniciarán os asistentes no encaixe, elaboración de sanandresiños, torno cerámico, tapices, xoguetes de madeira e cestería.

Programa para mañá sábado

Mañá sábado 8 de xullo, a programación de Artesanía no Prato centrarase nos showcookings dos cociñeiros Héctor López (dous soles Repsol), do Restaurante España (Lugo) e pertencente ao Grupo Nove, en dous pases ás 13:30 e ás 15:00 horas nos que empregará produtos de Galicia Calidade; e Jorge Gago, dos restaurantes A Maceta e Testo (Santiago de Compostela), a partir das 20:30 horas e empregando produtos da marca de calidade PescadeRías, grazas ao apoio da Consellería do Mar.

En canto á música, as actividades comezarán co concerto de Mercedes Peón, que presentará o seu proxecto Déixaas, a partir das 13:30 horas na praza do Concello. Pola tarde, está previsto un pasarrúas do grupo de música e baile tradicional Bico da Balouta (Agolada) a partir das 18:30h e xa pola noite, será a quenda da banda Galifunk Brass, ás 22:00 horas na praza do Concello.

Programa Domingo 9

A música do domingo 9 de xullo correrá a cargo do grupo Leilía, que presentará o seu último traballo, Vidas Cantadas, a partir das 13:30 horas, e mais do grupo de baile e música tradicional Cantigas e Agarimos, que actuará ás 18:30 horas. As dúas actuacións terán lugar na praza do Concello.

A programación de Artesanía no Prato inclúe os dous showcookings do chef do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (Cambre), que terán lugar ás 13:30 e ás 15:00 horas; e mais unha sesión de coctelería a cargo de Willy Gómez (O Carballiño), que empregará como soporte pezas da colección O mundo do revés. Coctelería peliqueira, elaborada por Laura Delgado e gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023