O conselleiro do Mar inaugurou en Vigo o primeiro dos cinco foros da campaña GALICIA SABE AMAR

Alfonso Villares censura que o Goberno central persista en excluír os produtos do mar da rebaixa do IVE pois dificulta o labor para impulsar o seu consumo

O titular de Mar anima ás galegas e galegos a apostar polos peixes e mariscos na súa dieta para gañar en saúde e benestar en todas as etapas da vida

O Executivo galego enxalza o papel destes foros para dar a coñecer as bondades dos produtos do mar e salienta que son un bo complemento da promoción que están a facer as foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR por toda España

Ao longo de todo o día profesionais da sanidade, do mar, cociñeiros, divulgadores ou deportistas, entre outros, mostrarán en Vigo mediante conferencias, mesas de debate, showcookings e degustacións os beneficios para o benestar persoal de consumir alimentos de orixe mariña

Vigo, 7 de xullo de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, lamentou hoxe que o esforzo da Administración galega na promoción dos peixes e mariscos da comunidade vexa limitado o seu impacto por decisións incomprensibles do Goberno central como a exclusión destes produtos dos alimentos considerados básicos na cesta da compra das familias e que, polo tanto, non viron reducido o seu IVE.

Fíxoo durante a inauguración do I Foro GALICIA SABE AMAR, o primeiro dos cinco que se van celebrar nos próximos meses para poñer en valor produtos do mar galegos e que está centrado nos beneficios que aportan os alimentos de orixe mariña á saúde e ao benestar dos consumidores.

O titular de Mar censurou que os peixes, os mariscos e as conservas non se incluísen na relación de produtos aos que se lles rebaixou o IVE para facer fronte á escalada de prezos pois son fundamentais para unha alimentación saudable e a menor presión fiscal sobre eles derivaría nun maior consumo -impulsando os resultados económicos de toda a cadea de valor- e no benestar da cidadanía.

Ademais, lembrou que o Executivo do Estado decidiu manter este agravio comparativo cando prorrogou esa rebaixa a outros produtos básicos malia que países como Portugal si eliminaron o IVE dos peixes máis consumidos pola súa poboación. Nesta liña, incidiu en que esa posible redución da presión fiscal aos produtos do mar conta coa aprobación das autoridades europeas e foi demandada por Galicia en numerosas ocasións.

Non obstante, Alfonso Villares subliñou que a Xunta non vai deixar de traballar en impulsar a promoción dos peixes e mariscos galegos para que obteñan os mellores prezos no mercado, o que beneficiará a todos os elos da cadea mar-industria, desde o sector extractivo ata os comercializadores pasando polas depuradoras ou a industria transformadora, entre outros.

Nese obxectivo enmarcou estes foros de GALICIA SABE AMAR e salientou a importancia de que a poboación aposte en todas as etapas da vida por unha dieta baseada nos produtos do mar para mellorar tanto a súa saúde como o seu benestar.

O titular de Mar puxo en valor que este primeiro foro permitirá, coa participación de distintos expertos en saúde, profesionais do mar, cociñeiros e divulgadores, dar a coñecer as bondades dos peixes e mariscos galegos mediante a celebración de conferencias, debates, demostracións culinarias e degustacións, para que os asistentes coñezan a súa calidade e versatilidade.

Estes foros, engadiu Alfonso Villares, veñen a complementar o labor de promoción dos alimentos de orixe mariña da comunidade que están a facer por toda España as catro foodtrucks que en febreiro deste ano partiron da praza do Obradoiro de Santiago para percorrer arredor de 260 municipios de toda España. Estas furgonetas, que seguen catro rutas distintas do Camiño de Santiago, achegarán máis de 200.000 petiscos elaborados con produtos do mar a milleiros de persoas para mostrarlles a calidade e as múltiples posibilidades que ofrecen para a súa elaboración.

Os foros

Este I Foro GALICIA SABE AMAR conta con distintas mesas de debate para falar sobre os beneficios dos produtos do mar na saúde ou as tendencias gastronómicas do mar e showcookings-conferencias para poñer en valor produtos como as conservas, o mexillón con denominación de orixe protexida (DOP) ou as algas e as súas calidades nutricionais. Nelas participarán profesionais da sanidade, do mar, deportistas, cociñeiros divulgadores e outros perfís vencellados coa saúde e co coñecemento dos beneficios que ten o consumo de produtos de orixe mariña para o benestar persoal.

Todo isto irá condimentado con degustacións de múltiples elaboracións realizadas por cociñeiros galegos de prestixio como Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, José Manuel Mallón, de Remollo, Moisés Rodríguez, do Taller do Benestar, Yayo Daporta, do restaurante do mesmo nome, e Rafael Centeno, do Maruja Limón, e coa presenza tamén de Moncho Méndez, do restaurante Millo.  

Este de Vigo é o primeiro dos cinco foros que se van celebrar na comunidade nos próximos meses ao abeiro da campaña GALICIA SABE AMAR, ao que seguirán outros na Coruña, Lugo, Ourense e Santiago. Á temática de hoxe, saúde e benestar, engadiranse outras como o territorio, a sostibilidade, a formación e investigación e as redes sociais.

Neles participarán profesionais do mar, chefs, investigadores, operadores turísticos, docentes e alumnos, profesionais da saúde, xornalistas especializados, influencers e entidades ou institucións do sector para analizar os retos de futuro ao tempo que se buscará crear alianzas no ámbito da cociña relacionada co mar así como implicar á sociedade a través das distintas actividades e obradoiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023