A Xunta actualiza a listaxe de parroquias onde realizar tratamentos fitosanitarios obrigatorios para loitar contra a Flavescencia dourada da vide

Nos últimos días detectouse a presenza do insecto vector nas trampas colocadas para o seu seguimento en parroquias de diversos concellos, polo que é preciso actualizar as zonas nas que é obrigatorio a realización de tratamentos insecticidas nas parcelas de viñedo

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

A Consellería do Medio Rural actualiza a listaxe de parroquias para a realización de tratamentos insecticidas obrigatorios para a loita contra o Scaphoideus titanus, vector da Flavescencia dourada da vide.

Así, nos últimos días detectouse a presenza deste insecto nas trampas colocadas para o seu seguimento en parroquias dos concellos de Crecente, As Neves, Salvaterra de Miño e Tomiño, en Pontevedra, e Padrenda en Ourense. Por este motivo é preciso actualizar as parroquias nas que é obrigatorio a realización de tratamentos insecticidas nas parcelas de viñedo.

Así mesmo, recoméndase realizar tratamentos insecticidas preventivos nas parcelas de viñedo situadas nas diferentes zonas de demarcación deste organismo nocivo. Esta zona demarcada inclúe parroquias doutros concellos pontevedreses como son o de Arbo, A Cañiza, A Guarda, O Rosal, Salceda de Caselas e Tui. Cómpre lembrar a importancia de realizar os tratamentos para evitar a dispersión do vector.

A denominada Flavescencia Dourada da vide é unha doenza provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). Antes de en Galicia, xa fora detectada en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira coa nosa comunidade. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada de Flavescencia Dourada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira. Unha das medidas contempladas para a súa erradicación, que se debe efectuar logo de detectar ao insecto vector ou plantas sintomáticas, consiste na aplicación dun tratamento fitosanitario autorizado en todas as plantas das parcelas de viñedo.

Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios, así como as parroquias onde é obrigado o tratamento ou aquelas onde simplemente é recomendado. Os tratamentos químicos deberán repetirse cada 15 días e realizaranse un total de tres tratamentos. Tamén terán que respectarse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións. Cabe sinalar que aqueles usuarios que teñan dúbidas poderán achegarse á Oficina Rural máis próxima.

Ligazón á páxina web da Consellería:

https://mediorural.xunta.gal/es/temas/agricultura/sanidad-vegetal/organismos-nocivos-de-cuarentena

Data de actualización: 07/07/2023