A Xunta ve no talento e a innovación unha vantaxe competitiva no actual escenario económico

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na xornada ‘Tomando o pulso ao mercado de traballo’, celebrada en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou esta mañá en Santiago de Compostela na xornada ‘Tomando o pulso ao mercado de traballo’, na que asegurou que o talento e a innovación son unha vantaxe competitiva no actual escenario económico.

Na xornada, organizada polo Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e o Instituto EY-Sargadoy, presentouse o informe trimestral Human Capital Outlook.
A conselleira incidiu na necesidade de que tecido empresarial e as administracións colaboren para actualizar as relacións laborais, acometer a modernización das políticas públicas de emprego e mellorar a formación.

Lorenzana puxo de relevo a importancia de apostar polo talento das persoas a través da formación e pola innovación nas empresas para xerar emprego de calidade, cualificado e competitividade económica. Neste sentido, lembrou o esforzo que se está a realizar desde a Xunta para reter e atraer cara ao ecosistema de I+D+i galego o mellor talento investigador, con programas como Doutoramento industrial, que nos vindeiros días abrirá a nova convocatoria. Tamén se referiu a Axenda galega de capacidades para o emprego, á aplicación da intelixencia artificial ao servizo público de emprego, a través da ferramenta EMI que sincroniza oferta e demanda en tempo real, así como ao necesario cambio do sistema de formación para ligalo ás necesidades empresariais e á importancia da sustentabilidade social.

Na súa intervención, a conselleira tamén incidiu na necesaria colaboración entre administracións e tecido empresarial para favorecer o crecemento e desenvolvemento económico e industrial de Galicia, o que levará parello a creación de emprego de calidade. Así, fixou como obxectivo principal apostar pola simplificación administrativa para favorecer a instalación de empresas na Comunidade á vez que se ofrece financiamento. Neste sentido, insistiu na importancia de que os fondos europeos Next Generation cheguen ás comunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023