O DOG publica hoxe convocatorias de oposicións para cubrir 195 prazas de emprego público na Xunta

Do total de prazas, 146 son de acceso libre e 49 de promoción interna

Destacan 130 postos na escala técnica de orientación laboral

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe sete convocatorias de oposicións para cubrir 195 prazas de emprego público na Xunta. Do total das prazas convocadas, 146 son de acceso libre e 49 de promoción interna.

As convocatorias publicadas inclúen procesos selectivos para reforzar distintos centros e servizos da Xunta de Galicia. En concreto, convócanse 130 prazas na escala técnica de orientación laboral (A2); 20 na escala técnica de condución (C1); 16 prazas na escala de sistemas e tecnoloxía da información (A1); 10 na escala de letrados (A1); sete prazas na escala de inspección turística; seis na escala superior de orientación laboral (A1) e outras seis prazas na escala superior de estatísticos.

A maioría das prazas son de acceso libre e poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo, estable e de calidade na Administración autonómica. Ademais, as prazas de promoción interna que non queden cubertas sumaranse ás de acceso libre.

Todas as convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deben posuír as persoas que queren inscribirse nas probas, os exercicios a realizar e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. Posteriormente, a Xunta publicará a lista de persoas admitidas e excluídas en cada convocatoria.

O prazo de inscrición para presentar solicitudes é de 20 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

Data de actualización: 07/07/2023