Mañá iniciaranse as obras de renovación do firme na calzada esquerda da autovía AG-56, en sentido Santiago

As intervencións nesta calzada levaranse a cabo en días laborables, desde mañá venres ata o xoves 13 de xullo, en horario de 08,30 a 20,30 horas

O tráfico da calzada esquerda será desviado á dereita, habilitándose dobre sentido de circulación

Estes traballos forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas, que se está a levar a cabo cun investimento de case 5,9 M€ asumido dentro do contrato de concesión

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

Mañá venres comezarán as obras de renovación extraordinaria do firme na calzada esquerda da autovía AG-5, en sentido Santiago de Compostela.

 

As intervencións nesta calzada levaranse a cabo en días laborables, desde mañá venres ata o xoves 13 de xullo, en horario de 08,30 a 20,30 horas.

 

O tráfico da calzada esquerda, afectada polas obras, será desviado á dereita, habilitándose dobre sentido de circulación con separación mediante conos. Os desvíos estarán debidamente sinalizados.

 

De xeito máis concreto, mañá os traballos centraranse no treito entre os puntos quilométricos 11 e 6 da autovía. Nos enlaces de Brión e de Bertamiráns norte quedarán inhabilitados os ramais de entrada e saída da marxe esquerda, aconsellándose o uso do enlace de Bertamiráns leste.

 

O luns avanzarán as actuacións desde o quilómetro 8+500 ata o 5, afectando aos enlaces de Bertamiráns norte e leste, polo que se recomendará o uso do enlace de Brión.

 

O martes, as obras centraranse entre os quilómetros 6+500 e 3+800, incidindo no tráfico do enlace de Bertamiráns leste, aconsellando empregar o enlace de Bertamiráns norte.

 

O mércores, as intervencións desenvolveranse no tramo entre o punto quilométrico 5 e 1+500, afectando ao enlace de Pardiñas e prevéndose o uso do enlace de Bertamiráns este.

                                                                                                                                        

As últimas tarefas está previsto acometelas na xornada do xoves, entre o quilómetro 3+800 e o 0+200, véndose afectados os movementos de entrada cara á AP-9 desde a SC-20 e a saída cara á SC-20 desde a AG-56.

Estas tarefas forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión, AG-56, e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas que se está a executar estas semanas cun investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.

Data de actualización: 06/07/2023