Alfonso Villares aborda os principais retos da cadea mar-industria cos representantes da Confederación de Empresarios de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e coa presidenta da súa Comisión Mar-Industria, Isabel Cañas, para analizar os principais retos que afronta na actualidade o sector marítimo-pesqueiro galego. Entre eles estivo a necesidade de dar seguridade xurídica ás empresas asentadas no litoral fronte ás interpretacións restritivas da normativa de Costas por parte do Goberno central, unha cuestión que está máis preto de acadarse trala aprobación no Parlamento o pasado martes da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

O titular de Mar, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, tamén analizou cos representantes da patronal galega outros asuntos como a necesidade de renovar a frota pesqueira, a importancia de adoptar medidas para impulsar a remuda xeracional no sector ou a transcendencia de velar porque os acordos comerciais entre a Unión Europea e terceiros países non deixen á industria galega de transformación de produtos do mar nunha situación de desvantaxe competitiva. Nesta primeira toma de contacto as partes tamén acordaron manter máis adiante unha nova reunión no seo da Comisión Mar-Industria da CEG para avaliar polo miúdo outros desafíos aos que se enfronta o sector do mar da comunidade como o veto á pesca de fondo ou os plans de descarbonización da frota promovidos por Bruxelas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023