A Xunta abre o prazo para solicitar axudas de ata 20.000 € para a adquisición de vivendas protexidas

Ángeles Vázquez subliña que este é o terceiro ano consecutivo que o IGVS aposta por este tipo de incentivos, dirixidos a facilitar a compra de vivendas de protección autonómica tanto de nova construción como rehabilitadas

Cun orzamento de 780.900 €, a contía da axuda será maior se o adquirinte é menor de 35 anos e o inmoble está en Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense ou Pontevedra
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

A partir de hoxe e ata o vindeiro 2 de outubro poderán solicitarse as axudas da Xunta de Galicia para a adquisición de vivendas protexidas, novas ou rehabilitadas. A convocatoria deste programa saíu publicada onte e permitirá acceder a incentivos económicos de, como máximo, 20.000 euros.

Así o explicou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, se achegou ata unha vivenda protexida no barrio compostelán do Castiñeiriño, adquirida o ano pasado por unha moza menor de 35 anos e que recibiu, precisamente, unha destas subvencións, por importe de 20.000 euros.

Tras sinalar que por terceiro ano consecutivo o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) volve apostar por este programa, Vázquez Mejuto explicou que con este tipo de incentivos se pretende facilitar aos cidadáns o acceso en propiedade a vivendas de protección autonómica, tanto se son de nova construción como rehabilitadas.

Cun orzamento reservado para este ano de 780.900 euros, os beneficiarios recibirán unha axuda que non pode superar o 20% do prezo de adquisición do inmoble. A contía máxima será de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 anos e que compren a súa vivenda nunha destas cidades: Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra. Para o resto de supostos, a contía será variable e dependerá da área xeográfica na que estea localizado o inmoble e tamén da idade do comprador ou compradores.

En relación cos requisitos de acceso, os beneficiarios deben ser adquirintes ou adxudicatarios, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica, ou ben ter subscrito —con posterioridade ao 30 de setembro de 2022— un contrato privado de compravenda visado polo IGVS ou, de ser o caso, unha escritura pública que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva do inmoble.

Cómpre lembrar que as axudas para a adquisición de vivendas protexidas foi un dos novos programas impulsados polo IGVS no marco do Pacto social pola vivenda 2021-2025, asinado hai dous anos co fin de orientar as liñas estratéxicas a seguir en Galicia no eido das políticas residenciais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023