A Xunta incrementará ata 66,4 M€ o orzamento das axudas para rehabilitación enerxética de edificios, case tres veces máis que na convocatoria anterior

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, explicou que se vai incrementar en 30 M€ a dotación inicial deste programa, convocado a mediados de xuño e que en 2022 se pechou cunha execución do 100%

O Instituto Galego da Vivenda e Solo responde así á elevada demanda que están rexistrando estas subvencións, con preto de 650 solicitudes en menos de 3 semanas

Explica que a previsión é chegar a financiar con axudas de como máximo 26.750 € actuacións que incidan na eficiencia e no aforro dos consumos a arredor de 6.800 vivendas, “o triplo que na convocatoria do pasado ano”

En total e con esta ampliación, ofrecerase aos cidadáns máis de 73 M€ a través de 3 liñas de axudas para rehabilitar enerxeticamente vivendas e edificios residenciais
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que a Xunta “ampliará nun 80% o orzamento” para as axudas destinadas a realizar melloras enerxéticas en edificios de tipo residencial. O obxectivo, subliñou, é “coidar o medio ambiente e facer que os galegos aforren na factura da luz ou do gas”.

En concreto, Calvo explicou que a Xunta incrementará en 30 millóns de euros a partida inicial para estas axudas, ata chegar a 66,4 millóns, “o que supón practicamente triplicar o orzamento destinado a estas achegas no pasado ano”. O obxectivo “é poder beneficiar a 6.800 vivendas”, o que tamén suporía o triplo que na convocatoria anterior.

O Consello foi informado esta mañá sobre a ampliación da partida inicialmente asignada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a este programa, publicado no DOG a mediados do pasado mes de xuño e que en 2022, no marco da súa primeira convocatoria en Galicia, se saldou cunha execución do 100% e unha notable demanda.

Neste sentido, cómpre subliñar a boa resposta da cidadanía galega a esta nova orde de axudas para as actuacións a nivel de edificio. De feito, tal e como explicou Calvo, desde que o pasado 16 de xuño se abriu o prazo para poder acollerse a elas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) “xa recibiu preto de 650 solicitudes”.

Coa ampliación orzamentaria autorizada hoxe, polo tanto, a Xunta busca responder á “elevada demanda” que está espertando esta segunda convocatoria do programa, destinando a reforzar as axudas para rehabilitar edificios o groso do diñeiro que ten que recibir Galicia no marco do terceiro reparto de fondos europeos para programas de mellora da eficiencia enerxética no eido residencial.

En concreto, o programa a nivel de edificio está destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 na execución de diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares —como a renovación de fachadas e cubertas—, así como á substitución de equipos de calefacción e auga quente por outros que non utilicen enerxía fósil para lograr reducir os consumos en, como mínimo, un 30%.

A subvención a percibir poderá chegar ata os 26.750 euros se se trata dunha vivenda unifamiliar e ata os 23.500 euros se esta forma parte dun edificio colectivo residencial. A contía, en todo caso, dependerá do aforro enerxético acadado, do tipo de inmoble e dos ingresos do solicitante, de xeito que ante determinadas situacións de vulnerabilidade poderase cubrir incluso o 100% do custo das obras.

Execución total en 2022

O ano pasado, a primeira convocatoria desta liña de subvencións saldouse coa execución do 100% dos 22,8 millóns de euros dispoñibles, uns fondos que contribuíron a mellorar a eficiencia de 2.334 vivendas en toda Galicia.

Tendo en conta as estimacións feitas a partir deste balance e que agora se disporá practicamente do triplo de orzamento, o obxectivo do IGVS é poder chegar a financiar actuacións que incidan na eficiencia de arredor de 6.800 vivendas.

En todo caso, cómpre lembrar que o programa a nivel de edificio non é o único convocado pola Xunta este ano co fin de axudar a reducir os consumos e as emisións do parque residencial galego. O 15 de xuño publicáronse outras dúas liñas de subvencións: para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas e para a elaboración do libro do edificio e redacción de proxectos de rehabilitación, ambas con prazo aberto.

En total e contando coa ampliación orzamentaria da que foi informado esta mañá o Consello, os propietarios de vivendas e edificios residenciais teñen á súa disposición máis de 73 millóns de euros en axudas a través de tres tipos de programas —edificio, vivenda e libro do edificio— dirixidos a financiar obras e reformas que melloren a eficiencia enerxética dos seus fogares. Un orzamento que, se estima, permitirá intervir sobre un total de 15.800 vivendas galegas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023