A Xunta celebra en Vigo o primeiro foro “Galicia sabe amar” que anima a consumir produtos do mar para mellorar a saúde e o benestar da poboación

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurará o evento, que se celebrará no Museo do Mar e contará con degustacións, mesas de debate e conferencias a cargo de profesionais da saúde e do mar, cociñeiros ou divulgadores, entre outros expertos

A este encontro seguiranlle outros catro nos próximos meses na Coruña, Lugo, Ourense e Santiago para poñer en valor os produtos do mar abordando temáticas como o territorio, a sostibilidade, a formación e investigación e as redes sociais

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

Vigo acolle mañá o primeiro dos foros programados pola Consellería do Mar ao abeiro da campaña GALICIA SABE AMAR para poñer en valor os peixes e mariscos da comunidade e a importancia de incluílos na dieta para mellorar a saúde e o benestar do conxunto da poboación. Este evento, que terá #aCociñaDoMar como fío condutor, dará a coñecer os beneficios que aporta a inxestión de produtos do mar de xeito habitual a través de distintas degustacións, mesas de debate e conferencias de profesionais da saúde e do mar, cociñeiros e divulgadores, entre outros perfís vencellados cos produtos obtidos polo sector marítimo-pesqueiro.

A xornada, que se celebrará no Museo do Mar, comezará ás 11,00 horas e será inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares. Inmediatamente despois celebrarase a mesa redonda Un pacto co mar. Que pode facer o mar pola nosa saúde?, na que o médico e divulgador Ignacio Balboa, a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, o cociñeiro do restaurante Culler de Pau Javier Olleros, o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga e a xefa do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Consellería de Sanidade, Carolina Muñoz, exporán os beneficios do consumo de produtos do mar para ter unha vida saudable.

A continuación realizarase o showcooking Azul e Mariño, que correrá a cargo do cociñeiro e propietario do restaurante O Eirado da Leña Iñaki Bretal, previo á celebración da conferencia O elixir da xuventude está no mar, impartida polo nutricionista e divulgador Eloy Figueira.

Este relatorio dará paso a outro showcooking, neste caso de produtos conserveiros ao abeiro da campaña Cata la lata, no que intervirán o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Roberto Alonso, como relator e o chef Yayo Daporta como elaborador de distintos pratos a base de produtos do mar transformados.

Ás 13,30 horas será a quenda da degustación GALICIA SABE AMAR. Cociñando saúde con vistas ao mar, na que os asistentes poderán ir pasando polas estacións gastronómicas de seis cociñeiros: Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, José Manuel Mallón, de Remollo, Moisés Rodríguez, do Taller do Benestar, Yayo Daporta, do restaurante do mesmo nome, e Rafael Centeno, do Maruja Limón.

A sesión de tarde comezará ás 15,30 horas coa mesa redonda GALICIA SABE AMAR. O benestar azul, na que participarán a directora de Comunicación do Balneario de Mondariz, Amalia Gallego, a directora técnica de Iuvenor Lab, Andrea Vázquez, o adestrador de baloncesto do Obradoiro CAB, Gonzalo Rodríguez, e o cociñeiro e adestrador persoal Moisés Rodríguez.

Ao seu remate realizarase o showcooking Algas. A despensa atlántica, na que exercerá de relator o xerente e fundador de Algamar, Fermín Fernández, e preparará as elaboracións o cociñeiro Rafael Centeno, do restaurante Maruja Limón.

A última mesa redonda do foro centrarase nas Tendencias gastronómicas do mar e contará coa presenza do patrón maior da confraría de pescadores de Cangas, Javier Costa, co chef e propietario do restaurante Millo, Moncho Méndez, e co responsable de Bluscus Turismo Mariñeiro, Pablo Mariño.

O último showcooking do día terá como título Namórate dun galego, no que o mexillón con Denominación de Orixe Protexida será o protagonista. Os pratos a base deste produto correrán a cargo do cociñeiro de Espazo Remollo José Manuel Mallón e a súa degustación será o paso previo á clausura do foro por parte do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Inscrición

Os interesados en acudir a este evento poden rexistrarse totalmente de balde na web www.forosgaliciasabeamar.gal, onde tamén poden consultar o programa completo da xornada e as previsións de celebración dos próximos foros.

Este é o primeiro dos cinco que se van celebrar na comunidade nos próximos meses ao abeiro da campaña GALICIA SABE AMAR. A este en Vigo seguiranlle outros na Coruña, Lugo, Ourense e Santiago. Á temática da saúde e benestar, que protagoniza o de mañá, engadiranse outras como o territorio, a sostibilidade, a formación e investigación e as redes sociais.

Neles participarán profesionais do mar, chefs, investigadores, operadores turísticos, docentes e alumnos, profesionais da saúde, xornalistas especializados, influencers e entidades ou institucións do sector para analizar os retos de futuro e buscarase crear alianzas no ámbito da cociña relacionada co mar así como implicar á sociedade a través das distintas actividades e obradoiros.

Data de actualización: 06/07/2023