A Xunta resalta a importancia do Inventario Forestal Continuo de Galicia para a toma de decisións no sector

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, interveu esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento

Resaltou a importancia deste eido na nosa comunidade, que produce máis da metade da madeira cortada en todo o estado
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, respondeu esta mañá a unha pregunta sobre o Inventario Forestal Continuo de Galicia na Comisión 7ª do Parlamento. Na súa intervención, resaltou a importancia deste rexistro para a toma de decisións neste sector, fundamental para a nosa economía xa que, a pesar de que Galicia conta cun 4% de masas dedicadas á produción de madeira en España, produce máis da metade da madeira cortada en todo o territorio.

Nesta liña, tal e como indicou Chan, o Inventario convértese nunha ferramenta clave que lle permite ao sector e a sociedade galega coñecer a distribución e caracterización das súas masas forestais, así como a dispoñibilidade dos recursos e servizos que provén os montes galegos.

Durante a súa intervención, o director fixo referencia ao Inventario Forestal Nacional, que integra información fundamental para comprender a situación do monte en todas as comunidades autónomas. Con todo, tendo en conta a evolución do monte galego e dos distintos ecosistemas, compría unha actualización da información máis adaptada ao territorio e da metodoloxía utilizada.

Seguindo esta liña, o Consello Forestal de Galicia acordou a creación dun grupo de traballo co obxectivo de levar a cabo un Inventario Forestal Continuo de Galicia, a través dun enfoque participativo e unha metodoloxía máis actualizada. Deste xeito, sinalouse como necesario a elaboración dun sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia para facer diagnoses adecuadas e facilitar a toma de decisións políticas, públicas e empresariais.

Para executar este obxectivo, José Luis Chan explicou que se puxo en marcha a colaboración coa Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Galego de Estatística e a empresa pública Seaga para traballar en conxunto. Con estas bases comezou a crearse o Inventario Forestal Continuo, para dar resposta á necesidade dun mapa forestal automatizado que se actualice anualmente.

Para finalizar, o director xeral quixo destacar o traballo das universidades galegas na realización deste inventario, xa que favorece o desenvolvemento de grupos expertos na nosa comunidade, principalmente integrados por mozos e mozas, que empezan a destacar e consolidarse neste eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023