A Xunta defende unha transición enerxética progresiva que permita a empresas e familias adaptarse ao novo modelo

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, interveu esta mañá na inauguración da xornada A enerxía en Galicia: retos e oportunidades da transición enerxética, organizada polo Club Español de la Energía

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, participou esta mañá en Santiago de Compostela na inauguración da xornada A enerxía en Galicia: retos e oportunidades da transición enerxética, organizada polo Club Español de la Energía e que clausura o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila. Nela, Vázquez Iglesias, defendeu a aposta da Xunta por impulsar unha transición enerxética progresiva que permita a empresas e familias adaptarse ao novo modelo.

O secretario xeral subliñou que, neste momento clave, é necesario que as administracións públicas, acompañen á sociedade e ao tecido empresarial, colaborando e apoiando as súas actuacións nesta materia, así como achegando simplificación administrativa. Explicou que os retos desta transición pasan por dar resposta, especialmente, ás empresas con gran dependencia enerxética, pero á vez, existen oportunidades para que poidan mellorar e optimizar os seus procesos, innovar e aplicar novas tecnoloxías.

Vázquez Iglesias salientou o gran potencial de recursos renovables cos que conta a Comunidade, así como os investimentos que se prevé realizar para o seu aproveitamento non só en canto xeración eléctrica senón tamén, por exemplo, na produción de hidróxeno verde. Preténdese que Galicia continúe a vangarda neste eido para ser referente nos modelos de transición enerxética e descarbonización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023