A Xunta expón ás empresas do Val Miñor as vantaxes do emprego inclusivo e pon como exemplo o programa de formación dual para persoas con discapacidade

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe en Nigrán na xornada Almorzo sen etiquetas, organizado polo centro especial de emprego Juan María

O Goberno autonómico ten en marcha o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social no que se enmarca esta iniciativa e que mobilizará en 2023 un total de 44,5M€
 

Nigrán (Pontevedra), 6 de xullo de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada Almorzo sen etiquetas, organizado polo centro especial de emprego Juan María, para presentar ás empresas do Val Miñor o proxecto de formación dual Juanmaríabylolola que, co financiamento autonómico, está a permitir a inserción laboral no mercado de traballo de persoas con discapacidade intelectual.

O representante autonómico expuxo as vantaxes do emprego inclusivo e explicou que fai tres anos comezou este proxecto piloto no que participa este centro especial de emprego con 10 persoas que se formaron na especialidade de auxiliares de comercio, grazas ao apoio da Xunta de Galicia. O programa, en concreto, púsoxe en marcha en seis centros especiais de emprego galegos coa participación de 60 persoas con discapacidade intelectual que recibiron formación e práctica desde o primeiro momento, o que ampliou as súas posibilidades de atopar un traballo ao rematar.

Na actualidade, a Administración autonómica está a desenvolver a fase final do programa que se centra en integrar a estas 60 persoas no mercado laboral. Para iso, o Consello da Xunta autorizou recentemente a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e os seis centros especiais de emprego que se adhiriron no ano 2019 a esta experiencia piloto de formación dual.

Esta cooperación permitirá realizar actuacións en materia de prospección laboral e acompañamento para fomentar a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual nas empresas galegas. Entre outras actuacións, realizaranse a identificación das necesidades do tecido produtivo nas diferentes áreas dos certificados de profesionalidade do programa piloto; visitaranse empresas e realizaranse xornadas para a presentación das persoas participantes; e se realizará ás persoas que obteñan un contrato laboral o acompañamento durante os primeiros meses de actividade laboral.

Do que se trata é que as persoas con discapacidade intelectual, tras estes 36 meses alternando formación e emprego, poidan a partir de agora incrementar a súa empregabilidade na empresa, destacou o secretario xeral de Apoio ao Emprego.  

Avanzou tamén que a Xunta reeditará durante os próximos tres anos esta experiencia de formación en centros especiais de emprego, que, como novidade, se abrirá tamén a persoas con problemas de saúde mental.

En palabras de Pablo Fernández, un dos eixos das políticas autonómicas de emprego pasa por apoiar a contratación das persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e as persoas traballadoras con discapacidade son colectivo prioritario, e, por iso, o Goberno galego ten en marcha o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social, no que se enmarca esta iniciativa de formación dual, e que mobilizará en 2023 un total de 44,5 millóns de euros.

 

Data de actualización: 06/07/2023