A Academia Galega de Seguridade Pública reúne expertos xuristas e economistas de distintos países para abordar a prevención e represión do branqueo de diñeiro

Os directores xerais de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e de Xustiza, José Tronchoni, abriron a novena edición do congreso, centrada no mundo dixital e nas reformas de 2021

A Estrada (Pontevedra), 6 de xullo de 2023

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) acolle hoxe o IX Congreso sobre prevención e branqueo de diñeiro, que se centrará no mundo dixital e nas reformas de 2021. Os directores xerais de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e de Xustiza, José Tronchoni, abriron o encontro, que se prolonga ata mañá e que xunta expertos do eido xudicial e económico procedentes de diversos países.

Santiago Villanueva salientou a importancia desta cita no programa formativo da Agasp, que busca “facilitarlles aos profesionais da seguridade e das emerxencias unha constante actualización tanto da normativa como dos recursos dos que dispoñen para o desenvolvemento do seu labor”. Este ano ademais a programación aposta de xeito especial pola incidencia da contorna dixital e das novas tecnoloxías nas distintas temáticas, segundo apuntou.

Pola súa banda, José Tronchoni, referiuse ao congreso como “espazo de debate xurídico consolidado que dá resposta á elevada demanda social, económica e científica sobre o branqueo de diñeiro, a responsabilidade criminal das persoas xurídicas e a fraude fiscal”. O director xeral incidiu na necesidade de que todo tipo de asesores adquiran os coñecementos precisos para a prevención do branqueo.

Co Congreso sobre prevención e branqueo de diñeiro, a Agasp abre o calendario formativo do segundo semestre, tras impartir na primeira metade do ano 252 actividades que facilitaron a formación de máis de 9.000 membros dos servizos de emerxencias e dos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2023