A Xunta avoga polo traballo conxunto coas entidades para impulsar a autonomía das persoas con discapacidade

A directora xeral Begoña Abeijón mantivo esta tarde reunións coa Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e Down Galicia

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, reiterou hoxe a importancia que ten a colaboración e o traballo conxunto coas entidades do sector para seguir a impulsar a autonomía e o benestar das persoas, así como apoiar aos seus familiares. Así o trasladou aos responsables da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e de Down Galicia, cos que mantivo esta tarde sendas reunións.

 

Begoña Abeijón insistiu en que as entidades do terceiro sector teñen un papel fundamental cando se trata de mellorar a atención á discapacidade, pois coa súa axuda é posible dar uns coidados especializados e adaptados ás necesidades concretas de cada persoa.

 

A directora xeral tamén destacou que nos últimos anos a Xunta incrementou o apoio ás entidades do ámbito da discapacidade con máis axudas para o financiamento de programas, a mellora dos seus centros e servizos, a compra de vehículos adaptados ou para que poidan facer fronte á suba salarial dos seus profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023