A Xunta destaca a acollida do Programa Piloto para o fomento da empregabilidade de persoas vulnerables desenvolvido en coordinación con EAPN Galicia

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social par-ticipou no seminario Claves para a inclusión sociolaboral e o emprego digno das per-soas vulnerables, organizado pola Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión So-cial

Pablo Fernández louvou o labor das 14 entidades implicadas no programa, que permitiu acadar un 35 % de inserción laboral, e asegurou que servirá para seguir avanzando na empregabilidade de persoas en risco ou en situación de exclusión social

Trátase dun programa integrado que se atopa no seu segundo ano de execución no marco dun convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e EAPN Galicia, cunha aportación por parte da Xunta de 2,1 millóns de euros

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, puxo hoxe en valor a acollida do Programa piloto para o fomento da empregabilidade de persoas vulnerables coordinado pola Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), en virtude dun convenio asinado coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Así o dixo na clausura do seminario Claves para a inclusión sociolaboral e o emprego digno das persoas vulnerables, onde louvou o traballo das 14 entidades da Rede implicadas no programa integrado que recibiu un apoio da Xunta de 2,1 millóns de euros.

O secretario xeral aseverou que é fundamental fomentar a empregabilidade de colectivos vulnerables e de persoas en risco ou en situación de exclusión social, “revertendo a súa situación e dotándoas das habilidades e competencias necesarias para acceder ao emprego”. Nesa liña, apuntou á relevancia de programas integrados como o desenvolvido para poñer a disposición destas persoas “as ferramentas necesarias de forma personalizada, incrementar a súa formación, mellorar a súa cualificación profesional, obter orientación sociolaboral e proporcionar axuda na procura de emprego”, todo isto acompañado dun seguimento tanto simultáneo como posterior.

Na súa intervención, Pablo Fernández sinalou que se están a superar as previsións iniciais cunha inserción laboral do 35 % no marco do programa piloto. Con todo, apuntou á necesidade de seguir mellorando e -nese senso- afirmou que a iniciativa aportará información para continuar avanzando por esta senda “mediante un manual de boas prácticas elaborado por EAPN Galicia, como coordinadora do programa, para asegurar unha mellora constante na abordaxe da inserción sociolaboral das persoas vulnerables no futuro”.

O convenio

O Programa piloto para o fomento da empregabilidade de persoas vulnerables coordinado pola Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia) estase a levar a cabo no marco dun convenio asinado coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, financiado por parte da Xunta con 2,1 millóns de euros.

 

Así, estase a ofrecer unha intervención integral ás persoas participantes para dotalas de motivación, habilidades, competencias e capacidade, e atopar o seu encaixe coas demandas do mercado laboral.  Nesa dirección, grazas ao convenio establecéronse axudas de 3.800 euros por cada persoa desempregada en risco ou en exclusión social que participase no programa, cantidade á que se engadirían outros 1.120 euros -ata chegar a un máximo de 4.920 euros- no caso de que se consiga a súa inserción laboral.

 

O programa está a ser executado por 14 das 33 entidades que integran EAPN Galicia e xa está no seu segundo ano de execución. Así, a acción de hoxe está dirixida tanto ao persoal involucrado no programa como ao doutras das entidades membro con iniciativas de inserción sociolaboral e tamén conta coa implicación de técnicos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Data de actualización: 05/07/2023