O conselleiro do Medio Rural anunciou no Parlamento a posta en marcha desta planificación, que se suma ás do leite, da carne, do viño e do sector forestal

A Xunta ultima a Estratexia da horta para consolidar a terceira produción máis importante do agro galego

José González explicou que con esta iniciativa búscase posicionar a horta galega e afondar na rama da investigación que xa está a dar os seus froitos neste eido

Sobre a seca, puxo en valor o esforzo da Consellería en materia de investigación, cun ambicioso plan para o agro, xunto a outros eidos como a formación, os seguros agrarios ou as políticas de sustentabilidade a prol do uso da madeira na construción

Salientou a posta en marcha dun grupo de traballo creado pola Consellería para avaliar os efectos “tanto directos como indirectos” da seca na nosa comunidade e no que participan as organizacións profesionais agrarias

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural anunciou hoxe que a Xunta ultima a Estratexia da horta galega como folla de ruta para a terceira produción máis importante na nosa comunidade. Fíxoo no Pleno do Parlamento, en resposta a unha interpelación sobre a seca na que lembrou que esta planificación súmase ás xa desenvolvidas para outros sectores claves do noso rural, coma o lácteo, o vitivinícola, o cárnico ou o forestal (este último a través do Plan Forestal de Galicia).

O conselleiro explicou que con esta estratexia para a horta preténdese posicionar este eido e, dentro deste obxectivo xeral, tamén afondar na rama da investigación que xa está a permitir -salientou- dar con variedades resistentes ás consecuencias do cambio climático e doutras afeccións, como pragas e enfermidades.

Precisamente, en relación cos efectos da seca, José González puxo en valor o esforzo da Consellería en materia de investigación, cun ambicioso plan que recolle tanto as tres áreas fundamentais do rural -agropecuaria, forestal e vitícola- como as propostas realizadas polos propios especialistas de cada liña en cada centro dependente de Medio Rural. Nesta mesma liña, o conselleiro trasladou que se traballa nun decreto de persoal investigador para consolidar e mellorar as súas condicións perfilando aínda máis as liñas de actuación e a captación de talento.

Grupo de traballo sobre a seca

Sobre a cuestión específica da seca, González puxo en valor o grupo de traballo creado pola Consellería para avaliar os seus efectos na nosa comunidade, “tanto directos como indirectos”, remarcou. Explicou, neste sentido, que o devandito grupo -no que están representadas as organizacións profesionais agrarias- xa celebrou a súa primeira reunión e comezou a analizar “sector por sector” cales son as consecuencias reais da seca en Galicia. Trátase, engadiu, de determinar os eidos máis prexudicados e de valorar, no seu caso, a posta en práctica de medidas económicas extraordinarias, no caso de darse a necesidade.

Plan especial

Neste mesmo sentido, o titular de Medio Rural advertiu que neste intre Galicia vive unha situación de normalidade no que atinxe á seca ou á escaseza de auga, pero que, en todo caso, desde 2022 cóntase cun plan especial que prevé un seguimento constante da situación. Ademais, o conselleiro sinalou que convén incidir en iniciativas que alivien os efectos indirectos e prever solucións e xestionar efectos colaterais. Nesta liña, remarcou a importancia da investigación, pero tamén da formación e de reforzar o sistema de seguros agrarios. En relación con este último aspecto, cómpre recordar que entre 2017 e 2022 a Xunta destinou máis de 33 millóns de euros de fondos propios a esta partida, que, a maiores, se incrementou en máis dun 21% neste 2023, acadando os 8,5 millóns de euros.

Por outra banda, José González fixo tamén fincapé no Banco de xermoplasma que xestiona a Consellería e que constitúe -salientou- “un verdadeiro patrimonio xenético e biolóxico con capacidade dabondo para a adaptación ás condicións ambientais presentes e futuras. E puxo en valor o investimento de 2,4 millóns de euros nesta área de investigación. Ademais, o conselleiro puxo tamén o acento nas políticas de sustentabilidade que desenvolve o Goberno galego, mesmo a través de novos criterios nas axudas públicas, como é o caso daquelas destinadas a fomentar o uso da madeira estrutural na construción.

Agricultura de precisión

A maiores, José González puxo en valor os 8,77 millóns de euros convocados recentemente pola Xunta para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario, unha nova liña de axudas centrada en optimizar esta actividade tamén pola vía do aforro de recursos -como a redución do consumo de auga-.

Nesta liña, fixo ademais referencia ao traballo do Goberno galego a prol do sector nunha comarca clave para o rural da nosa comunidade como é a da Limia. Así, referiuse á presión negociadora para que o Goberno central cumpra cos compromisos adquiridos ao abeiro do Plan de modernización do regadío e ao financiamento, con máis de 6 millóns de euros de fondos integramente autonómicos, para a construción e posta a punto de ata 40 pozos para a captación de augas subterráneas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023