A Xunta convoca para xullo e setembro os propietarios dos terreos necesarios para executar as novas sendas peonís de Mabegondo e de Montouto, no concello de Abegondo

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia o levantamento de actas previas terá lugar o 18 de xullo e a formalización das actas de ocupación o 27 de setembro

Mediante esta actuación, que suporá un investimento de preto de 550.000 €, habilitaranse máis de 900 metros de itinerarios para facer os desprazamentos dos veciños máis seguros e sostibles

Construirase un treito de itinerario na AC-542 en Mabegondo, entre a intersección coa AC-221 e a glorieta cara á estrada provincial, e outro en Montouto, que finalizará no cruce coa vía provincial

A previsión é licitar as obras este mesmo ano co obxectivo de executalas en 2024

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros días 18 de xullo e 27 de setembro, dos actos expropiatorios para executar as obras dos novos itinerarios peonís de Mabegondo e de Montouto, no concello de Abegondo.

 

Esta nova intervención de mellora da mobilidade peonil e de reforzo da seguridade viaria, na estrada autonómica AC-542 suporá un investimento autonómico de preto de 550.000 euros.

 

Habilitaranse dous treitos de senda na marxe dereita desta vía autonómica, independentes entre si, que se executarán nas parroquias de Mabegondo e de Montouto.

 

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o día 18 de xullo, das 10,00 ás 11,00 horas no salón de plenos do Concello. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 27 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioG0181-090623-0001_gl.html

A previsión é licitar as obras este ano, para levalas a cabo en 2024. A actuación ten un prazo de execución de 6 meses.

As novas sendas

No treito de Mabegondo actualmente hai beirarrúas e aparcadoiros en liña na marxe esquerda, pero en Montouto non hai beirarrúas en ningunha das marxes, polo que cómpre dotar sendas polas que os veciños poidan transitar a pé con seguridade.

Para iso, en Mabegondo construirase unha senda entre a intersección coa estrada AC-221 e a glorieta situada na intersección coa estrada provincial. O itinerario terá 430 metros de lonxitude.

 

Na parroquia de Montouto, executarase un itinerario de 480 metros que finalizará no cruce coa estrada provincial.

 

En total executaranse máis de 900 metros de senda cunha anchura de 2,5 metros, aínda que nalgunha zona concreta disporase dun ancho algo inferior. En concreto, no itinerario de Mabegondo hai unha zona na que a senda terá 2 metros de ancho para evitar a demolición do peche que delimita o aparcadoiro do supermercado.

 

Os novos itinerarios realizaranse en formigón e irán elevados sobre o actual firme da estrada.

 

Ao longo do trazado disporanse colectores para a canalización das augas pluviais, que serán recollidas en sumidoiros, que se construirán cada 30 metros no bordo da estrada. Completaranse os traballos co desmonte e a substitución de biondas e das varandas e coa ampliación da drenaxe transversal no tramo de Montouto.

 

A Xunta segue traballando para reforzar a seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas e para dar continuidade a treitos de senda que xa executou en colaboración co Concello.

 
Data de actualización: 05/07/2023