A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Vimianzo de 12 treitos antigos das estradas autonómicas AC-432, AC-441 e AC-552

A transferencia enmárcase no acordo coa entidade local, tras o remate das obras de reforzo de firme en 2 tramos antigos da AC-432, cun investimento autonómico de case 46.000 €, completadas con outras intervencións de mellora

O Concello asume a titularidade dos doce treitos antigos destas tres vías, que suman algo máis de 3 quilómetros de lonxitude en total, e a responsabilidade da súa conservación e mantemento

O decreto publicado producirá efectos desde mañá

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto da transferencia a prol do Concello de Vimianzo dun total de 12 treitos antigos das estradas autonómicas AC-432, Vimianzo-Camariñas; AC-441, Pereira-Berdoias; e AC-552, A Coruña-Cee, ao seu paso polo municipio, xunto co seu dominio público viario.

O departamento de Infraestruturas da Xunta executou obras de reforzo de firme nos antigos tramos da AC-432 nos puntos quilométricos 2+000 (Calo-Bribes) e 7+000 (Tras do Ceán), ás que destinou un investimento de case 46.000 euros. Ademais, e con medios de conservación de estradas da Xunta, completáronse as melloras noutros treitos que tamén son obxecto de cambio de titularidade a prol da entidade local.

Tras o remate das obras, o Concello de Vimianzo solicitou a transferencia destes dous treitos antigos, ao tempo que ampliou esa petición para asumir distintos treitos das citadas estradas AC-432, AC-441 e AC-552, que suman en total algo máis de 3 quilómetros de lonxitude.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 22 de xuño: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioG0533-280623-0002_gl.html

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Coa publicación hoxe deste decreto, o Concello de Vimianzo terá a competencia para actuar nos citados treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, é dicir, desde mañá.

Data de actualización: 05/07/2023