A Xunta defende unha xustiza do século XXI moderna, accesible e eficaz

O vicepresidente primeiro da Xunta participou hoxe na inauguración da XV Escola de Verán do Poder Xudicial, que destacou como cita consolidada no panorama xurídico nacional e punto de encontro en Galicia na formación de membros da carreira xudicial de toda España

Diego Calvo lembrou a aposta do Goberno galego por dotar a comunidade das infraestruturas necesarias e contribuír á modernización da xustiza con medidas como a dixitalización das salas de vistas dos xulgados

Bergondo (A Coruña), 4 de xullo de 2023  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Pazo de Mariñán de Bergondo durante a inauguración da XXV Escola de Verán do Poder Xudicial que este foro xa é unha cita consolidada no panorama xudicial nacional como punto de encontro para a formación de membros da carreira xudicial de toda España. Na súa intervención, puxo en valor que “os problemas xudiciais do século XXI precisan solucións tamén deste século” para adaptarse aos cambios que se producen en todos os ámbitos da sociedade.

Por iso, lembrou que a Xunta, no marco das súas competencias, está a traballar por unha Administración de Xustiza moderna, accesible e eficaz, tanto desde o punto de vista da dotación de infraestruturas xudiciais como na posta en marcha de novas tecnoloxías.

Así, no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, este ano xa se rematou o traslado dos órganos xudiciais da Cidade de Xustiza de Vigo e tamén se está a avanzar nos proxectos de construción dos novos xulgados da Estrada e da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Ademais, no ámbito da modernización da xustiza, incidiu en que o Goberno galego continúa coa implantación do Plan Senda 2025, que inclúe, entre outras medidas, culminar neste exercicio a instalacións de salas de vista dixitais en todos os xulgados galegos.

Colaboración no encontro

Por outra banda, previamente á inauguración da Escola de Verán, o vicepresidente primeiro asinou xunto ao presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Rafael Mozo, e o presidente da Deputación provincial da Coruña en funcións, Valentín González Formoso, o convenio de colaboración a través do que ambas as institucións contribúen ao desenvolvemento desta Escola de Verán.

Na edición deste ano, no que se cumpre o 25 aniversario do foro, abordarase ata o 14 de xullo a situación da Administración de Xustiza e debateranse temas como a percepción social do Poder Xudicial, os novos retos do espazo europeo de xustiza, a influencia da intelixencia artificial no ámbito xurídico ou a necesidade dun Pacto de Estado para a xustiza. A conferencia inaugural será impartida por Manuel Aragón Reyes, maxistrado do Tribunal Constitucional sobre as consecuencias da creación do CXPX.

Ao acto de inauguración tamén asistiron o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde; o presidente da Fiscalía superior de Galicia, Fernando Suanzes; o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; ademais dos vocais do CXPX e directores académicos da escola, Juan Manuel Fernández Martínez e Álvaro Cuesta Martínez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023