A Xunta apoia a 11 concellos de Ourense para que poidan reducir a súa factura eléctrica a través da contratación centralizada

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, mantivo hoxe un encontro con representantes da Asociación de desenvolvemento rural da comarca de Ourense (Adercou), na que se integran os beneficiarios desta axuda de planificación enerxética para entidades locais e comunidades

Ourense, 4 de xullo de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, mantivo esta mañá un encontro informativo coa Asociación de desenvolvemento rural da comarca de Ourense (Adercou) en relación co programa de planificación para concellos e comunidades enerxéticas posto en marcha este ano pola Xunta de Galicia e do que 11 concellos desta entidade resultaron beneficiarios.

En concreto, trátase da Peroxa, Vilamarín, San Cibrao das Viñas, Ramirás, O Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Nogueira de Ramuín, Gomesende, Coles, Amoeiro e Xunqueira de Espadanedo. Cun apoio de preto de 135.000 euros, os 11 concellos desenvolverán un proxecto conxunto no que se analizarán os consumos eléctricos e térmicos dos concellos, se realizará un estudo estratéxico de subministración enerxética e se impulsará un procedemento de contratación centralizada, o que lles permitirá reducir a súa factura enerxética.

Esta iniciativa enmárcase nas axudas de planificación para concellos e comunidades que este ano se abriu por primeira vez nun contexto de elevada volatilidade do custo enerxético. Deste xeito, a liña destinada a concellos tiña por obxectivo apoialos nun momento no que están tendo dificultades para contratar a subministración, a través de axudas para contar con servizos xurídicos ou técnicos para a elaboración dun estudo estratéxico, ou para promover a contratación centralizada.

No caso das comunidades enerxéticas, o obxectivo era impulsar o asociacionismo de todos os axentes para o deseño de solucións locais que poidan contribuír a un consumo responsable e sustentable. Neste caso os apoios cobren os custos da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos. Ambas as dúas modalidades recibiron un total de 39 solicitudes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023