O cámping Paisaxe II do Grove convértese no primeiro establecemento deste tipo en recibir o selo de Galicia Calidade

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou hoxe o certificado á compañía, que se suma aos xa máis de 30 establecementos de hostalería que contan con este distintivo no conxunto das máis de 150 empresas certificadas

O Grove (Pontevedra), 4 de xullo de 2023

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou hoxe no Grove o certificado de uso da marca de garantía ao Cámping Paisaxe II, que se converte así no primeiro establecemento deste tipo en contar coa distinción. O selo permitirá á empresa incluír a nova sinalización coa que se identifica ás empresas adheridas nas súas fachadas, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

No acto de entrega do certificado Ana Méndez salientou a ampla oferta de actividades que ofrece o establecemento, tanto dentro como fóra das súas instalacións, situadas xunto ás calas de San Vicente do Grove.

Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, é a marca de garantía que certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción.

Nestes momentos conta con máis de 150 empresas adheridas e máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía. Ademais do sector hostaleiro, no que o Cámping Paisaxe II se suma aos xa máis de 30 establecementos que contan co selo, Galicia Calidade certifica compañías do ámbito agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023