A Xunta asina a acta de recepción da obra de renovación das beirarrúas do tramo urbano da PO-226 en Moraña, que supuxo un investimento de 387.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, foi recibido no consistorio polo alcalde, Sito Gómez, e por membros do goberno local e despois asistiu á sinatura da acta de recepción desta actuación

Actuouse no treito de 300 metros da vía autonómica, desde a intersección coa PO-221 ata a chegar ao límite do casco urbano, para facilitar a mobilidade dos veciños no acceso á Casa do Concello, á biblioteca pública, á escola de música e a establecementos comerciais

As obras permitiron intervir nos servizos de abastecemento e saneamento, construíndo unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais, renovar a iluminación co soterramento de liñas eléctricas e de telecomunicacións e instalar mobiliario urbano

Moraña, 4 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de recipcionar as obras de renovación das beirarrúas do tramo urbano da estrada PO-226 no núcleo urbano de Santa Lucía, no Concello de Moraña, que supuxeron un investimento de 387.000 euros. Esta mañá procedeuse á sinatura da acta de recepción da obra, coa que se dá por concluída esta actuación orientada ao reforzo da seguridade viaria e á mellora da mobilidade.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, desprazouse hoxe a Moraña, onde foi recibido no consistorio polo alcalde, Sito Gómez, e polos concelleiros Alberto Caldas e Andrea Domínguez. Posteriormente, asistiu á sinatura da acta de recepción desta actuación, que contou coa presenza da xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, e con representantes da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

 

A actuación realizada levouse a cabo nun treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente cunha contorna de moito tránsito de vehículos e peonil, xa que nesta zona está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais.

 

Actuouse nun treito de 300 metros da estrada PO-226, desde a intersección coa estrada autonómica PO-221 á altura do consistorio ata a chegar ao límite do casco urbano, renovando as beirrarrúas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade.

 

As intervencións acometéronse en ambas as dúas marxes do que é a principal vía do municipio, con actuacións nas beirarrúas para facelas máis accesibles e ampliando o seu ancho nun treito da marxe esquerda para facilitar o tránsito dos peóns.

 

Nesta obra incluíuse a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, o que favorece tamén o tránsito dos vehículos en boas condicións.

 

Nesta actuación aproveitouse para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais, dotando este treito dunha rede de saneamento separativa.

 

Ademais, renovouse a iluminación e procedeuse ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, executando un prisma para estes servizos.

A actuación completouse coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento para humanizar este treito de travesía de PO-226, que constitúe o corazón do municipio e que gaña, con esta actuación, espazo público para o desfrute dos veciños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023