A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou hoxe as políticas públicas en materia de infraestruturas no almorzo informativo Executive Forum España

Ethel Vázquez lamenta que o Comisionado do Corredor Atlántico non inclúa á Xunta na Axenda de traballo e cancele o encontro do mércores cos empresarios

Vázquez Mourelle considera un erro que o Comisionado non escoite ao Goberno galego, que vén traballando de xeito intenso e leal a prol do Corredor Atlántico, coa identificación das actuacións e investimentos necesarios, que suman 8.000 millóns de euros

Destaca que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou obra por case 400 millóns de euros entre 2022 e no que vai de 2023, prevendo nos vindeiros meses novos contratos por importe de máis de 110 millóns de euros

Avanza que neste ano se porá en servizo o tramo en execución da autovía de Tui-A Guarda ou que se iniciará a prolongación da autovía de Santiago-A Estrada

Sinala que se avanzará nas obras de saneamento de Vilagarcía de Arousa, Celeiro, Lalín ou Pontedeume; na renovación das depuradoras de Sada e Foz; ou no reforzo do abastecemento na Laracha

Pon o acento na mobilidade sostible, proxectando un eixe para peóns e ciclistas entre O Milladoiro e Santiago; e outro para conectar a cidade de Ourense de norte a sur

Salienta que a Xunta está a mobilizar máis de 810 millóns de euros na ampliación e modernización dos hospitais galegos para blindar a mellor atención sanitaria durante décadas

Adianta que a Xunta reiterará ao novo Goberno de España a demanda da chegada do AVE ás cidades galegas, a transferencia da AP-9, o remate da autovía Santiago-Lugo ou a modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e entre A Coruña e Lugo

A Coruña, 4 de xullo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou hoxe que o Comisionado do Corredor Atlántico non inclúa á Xunta na súa axenda de traballo e cancelase o encontro previsto para este mércores cos empresarios galegos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no almorzo informativo Executive Forum España, que tivo lugar na Coruña para abordar as políticas públicas en materia de infraestruturas.

Vázquez Mourelle indicou que resulta inexplicable que o Comisionado do Corredor Atlántico, designado polo Ministerio de Transportes, non teña escoitado aínda á Xunta .

Puxo en valor o traballo e a lealdade da Xunta a prol do desenvolvemento do Corredor Atlántico, identificando as actuacións e investimentos necesarios e deseñando unha estratexia de intervención na rede ferroviaria do noroeste, cun orzamento de 8.000 millóns de euros.

O modelo galego

No encontro de hoxe, a conselleira remarcou o modelo da Xunta para o impulso das infraestruturas, un sistema consciente de que desde as obras públicas se contribúe á política económica, social e ambiental.

Destacou que o sector da construción aglutina 80.000 empregos e 8.000 empresas en Galicia, polo que a Xunta sempre veu mantendo un diálogo fluído co colectivo para incrementar a competitividade do territorio e o benestar dos cidadáns.

Sinalou que a xestión responsable do diñeiro público que vén realizando a Xunta permitiu que máis do 80% dos galegos estean hoxe a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións, como a autovía da Costa da Morte, a do Morrazo, a 3ª Rolda da Coruña ou a variante de Aradas, entre outras.

Desenvolvemento social e territorial

Ethel Vázquez indicou que o departamento que dirixe licitou obra por case 400 millóns de euros entre 2022 e no que vai de 2023, prevendo licitar nos vindeiros meses novos contratos por importe de máis de 110 millóns de euros.

Detallou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta este ano cun orzamento de 578 millóns de euros, que permitirá seguir avanzando no desenvolvemento social e territorial de Galicia.

Apuntou que estas contas posibilitarán que nos vindeiros meses se poida poñer en servizo o tramo en execución da autovía de Tui-A Guarda e avanzar no proxecto do seguinte tramo; ou completar nuns días o enlace de Iñás da Vía Ártabra; ou adxudicar e iniciar a prolongación da autovía de Santiago-A Estrada.

No eido das infraestruturas hidráulicas, referiuse ás obras de saneamento de Vilagarcía de Arousa, de Celeiro, de Lalín ou de Pontedeume; xunto á culminación do Plan de saneamento da ría de Pontevedra, onde xa se superou a ameaza de sanción europea.

Tamén adiantou a renovación das depuradoras de Sada e Foz, a mellora do saneamento de Burela ou o reforzo do abastecemento na Laracha.

Puxo o acento na mobilidade sostible, coa previsión de construír un grande eixe para peóns e ciclistas entre O Milladoiro e Santiago de Compostela; ou para conectar a cidade de Ourense de norte a sur.

Tamén lembrou o traballo da Xunta a prol da intermodalidade, progresando agora para executar as novas estacións de autobuses intermodais da Coruña, xa en obras, ou de Lugo, que proximamente se licitará.  

Sanidade pública

Por outra parte, a conselleira recordou que a suma de esforzos de Sanidade e de Infraestruturas está a posibilitar acometer a maior reforma de infraestruturas sanitarias impulsada de forma simultánea nunha Comunidade Autónoma.

Concretou que a Xunta está a mobilizar máis de 810 millóns de euros na ampliación, modernización e mellora dos hospitais galegos, co obxectivo de blindar a mellor atención sanitaria durante décadas.

Referiuse ao Novo CHUAC, cun orzamento de 500 millóns de euros e cuxas primeiras obras se van licitar este mes; á ampliación e reforma do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, con máis de 55 millóns de euros en execución na 1ª fase; ou á do Hospital de Montecelo en Pontevedra, con máis de 130 millóns de euros, tamén en construción.

Tamén citou a ampliación do Hospital de Ourense, cun orzamento de 52 millóns de euros e tamén en construción; ou a do Hospital de Santiago de Compostela, cun orzamento de máis de 70 millóns de euros para unhas obras que comezarán de forma inmediata.

Adiantou que a Xunta prevé que nos vindeiros meses se poñan á disposición dos veciños de Lugo e de Lalín os dous primeiros centros integrais de saúde, mentres se avanza xa na construción do de Vigo e se planifican novos como o de Ourense.

Infraestruturas de titularidade estatal

A conselleira de Infraestruturas contrapuxo o modelo que segue a Xunta para acometer infraestruturas -baseado na profesionalidade, na responsabilidade económica e nos intereses do galegos- coas políticas do Goberno de España, que ten moito traballo pendente na comunidade.

Lembrou que o AVE aínda non chegou á Coruña, nin a Vigo, nin a Pontevedra nin a Santiago, ao igual que nin a Lugo nin a Ferrol; a AP-9 non se transferiu a Galicia e segue a ter unhas peaxes das máis altas de España; a avenida de Alfonso Molina non comezou a ampliarse; e a autovía de Santiago-Lugo non está terminada.

Ao igual que tampouco se impulsaron as autovías da Mariña, de Ourense-Lugo, de Ourense-Ponferrada ou Vigo-O Porriño.

Lamentou tamén que unha das principais arterias de comunicación de Galicia coa meseta, a A-6, permaneza cortada desde hai máis dun ano desde o colapso do viaduto do Castro. Ademais, seguirá en obras un ano máis, unha vez que por fin o Goberno firmou a emerxencia para executar, de modo simultáneo, a reconstrución do segundo viaduto, como lle viña pedindo a Xunta.  

Subliñou que o Goberno galego seguirá defendendo os intereses dos galegos ante o Goberno central que saia das urnas a partir do 23 de xullo, reiterando intervencións pendentes como a modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e entre A Coruña e Lugo, ou a conexión de Galicia con Portugal a través da alta velocidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023