A Xunta impulsa o crecemento de empresas innovadoras de recente creación como o caso da luguesa Ibonelab

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, informou, na visita que realizou esta mañá ás súas instalacións, de que está aberta a terceira edición desta convocatoria, dotada con 3 millóns de euros, coa que se prevé apoiar unha decena de empresas innovadoras galegas ou startups que se trasladen a Galicia

Os proxectos solicitantes deben ter sido avaliados positivamente polo programa Neotec de CDTI e non resultar beneficiarios por insuficiencia de crédito do ente estatal

Lugo, 4 de xullo de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa luguesa Ibonelab, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela creada no ano 2019, especializada no estudo da integración de biomateriais nos tecidos vivos e que resultou beneficiaria das axudas de apoio a compañías tecnolóxicas de recente creación na edición de 2022. En concreto, Ibonelab recibiu unha axuda da Xunta de Galicia de preto de 234.000 euros para desenvolver un software que automatiza mediante deep learning o traballo de pre-procesado das imaxes de microscopio de tecidos óseos reducindo os tempos de análise destas imaxes.

A directora de Gain aproveitou a visita á empresa para informar sobre a terceira edición desta convocatoria, que está aberta ata o 20 de xullo, co obxectivo de apoiar os plans de negocio de empresas tecnolóxicas galegas ou doutras Comunidades Autónomas que se comprometan a trasladar a súa sede a Galicia e que sexan de recente creación. Ademais, os proxectos seleccionados deben ter sido avaliados positivamente polos programas Neotec 2022 e Neotec Mulleres 2022 do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) pero que non obtiveran financiamento por insuficiencia de crédito do organismo estatal.

Esta convocatoria, dotada con 3 millóns de euros, aspira a apoiar unha decena de proxectos de empresas innovadoras con vocación de crecemento baseado en tecnoloxía propia. Estas axudas cobren todas as actuacións dos plans de negocio destas compañías ata un máximo do 85% do orzamento e 325.000 euros a fondo perdido.

Argerey destacou que esta liña de apoio persegue facilitar a creación, consolidación e implantación de empresas de base tecnolóxica, intensivas en innovación, en Galicia a través dun marco de incentivos económicos, así como crear un ecosistema favorable para o seu desenvolvemento. De feito, rescatando a través das dúas edicións anteriores proxectos que obtiveron unha valoración positiva nas convocatorias Neotec, conseguiuse triplicar o número de startups galegas ou asentadas en Galicia que acadaron financiamento para o seu crecemento

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023