Ethel Vázquez avanza que a Xunta poñerá en marcha este mes de xullo o novo Hospital Público da Coruña, licitando as primeiras obras por máis de 63 M€
Vázquez Mourelle salienta que en poucos días se licitará a Torre Polivalente, que superará os 37 M€ de investimento; os accesos, con concurso de proxecto e obra por 25 M €; e a demolición do Hotel do Doente, con máis de 1 M€ de orzamento
Explica os desafíos da Xunta para executar o Novo CHUAC, pois cómpre mobilizar un orzamento que ascende a máis de 500 M€, dispoñer dun amplo espazo para a súa implantación e habilitar os accesos axeitados
Pon en valor o traballo realizado pola Xunta para comezar a materializar esta actuación, procurando a mellor solución para os expropiados, a participación do Concello, as comunicación viarias e garantir a accesibilidade universal
Ethel Vázquez avanzou hoxe a posta en marcha neste mes de xullo do novo Hospital Público da Coruña coa licitación das primeiras obras, cun investimento de máis de 63 M€.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade realizou este anuncio no almorzo informativo Executive Forum España, que tivo lugar hoxe na Coruña e permitiu afondar en políticas públicas en materia de infraestruturas.
Detallou que as primeiras actuacións do Novo CHUAC abranguerán a Torre Polivalente, que superará os 37 M€ de investimento; os accesos, que sairán a concurso de proxecto e obra con 25 M€; e a demolición do Hotel do Doente, con máis de 1 M€ de orzamento.
Remarcou que este proxecto estratéxico é o maior desafío que está a asumir a Xunta no eido das infraestruturas sanitarias, xa que o novo complexo debe dar resposta á necesidade de ampliación do hospital actual e dar servizo a máis de 500.000 persoas.
Engadiu, ademais, que para executar o Novo CHUAC cómpre mobilizar un enorme orzamento público, que ascende a máis de 500 M€; dispoñer dun amplo espazo para a súa implantación; e habilitar os accesos axeitados.
Puxo en valor o traballo realizado pola Xunta co fin de materializar esta actuación, negociando e procurando a mellor solución para os expropiados, a participación do Concello, as comunicación viarias e garantir a accesibilidade universal.
Sinalou que grazas a este traballo, está a avanzarse para que o novo Hospital Público da Coruña sexa un complexo de vangarda e un edificio de referencia que achegue valor engadido á contorna e contribúa a ordenala.
Lembrou que o Novo CHUAC se enmarca no impulso dun investimento autonómico de máis de 810 M€ na ampliación, modernización e mellora dos hospitais galegos, co obxectivo de blindar a mellor atención sanitaria durante décadas.
Referiuse a outras intervencións, como a ampliación e reforma do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, con máis de 55 M€ en execución na 1ª fase; ou do Hospital de Montecelo en Pontevedra, con máis de 130 M€, tamén en construción.
Tamén citou a ampliación do Hospital de Ourense, cun orzamento de 52 M€ e tamén en construción; ou a do Hospital de Santiago de Compostela, cun orzamento de máis de 70 M€ para unhas obras que comezarán de forma inmediata.
Ademais, indicou que o Goberno galego tamén deseñou un novo modelo para reforzar a atención primaria a través dos centros integrais de saúde, evitando desprazamentos e achegando aos cidadáns uns servizos de maior calidade.
Adiantou que a Xunta prevé que nos vindeiros meses se poñan á disposición dos veciños de Lugo e de Lalín os dous primeiros centros integrais de saúde, mentres se avanza xa na construción do de Vigo e se planifican novos como o de Ourense.
Cohesión social e vertebración territorial
No encontro de hoxe, ademais das actuacións no eido da sanidade pública, a conselleira expuxo a liña de acción do departamento que dirixe noutros ámbitos como as infraestruturas viarias, a mobilidade ou a xestión da auga.
Subliñou que os proxectos promovidos desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade van encamiñados a acadar unha comunidade cohesionada no social, vertebrada no territorial e ambiciosa nos seus obxectivos de desenvolvemento sostible.
Cómpre lembrar que esta Consellería licitou obra por case 400 M€ entre 2022 e no que vai de 2023, prevendo licitar nos vindeiros meses novos contratos por importe de máis de 110 M€.