A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu hoxe no Pleno do Parlamento

A Xunta valora a aprobación por parte do parlamento da Lei do Litoral de Galicia para garantir o equilibrio entre a biodiversidade e a actividade humana

Ángeles Vázquez define esta lei como transcendental porque protexe e garante o futuro de Galicia, ademais de supor a xestión desde a Comunidade desta materia e seguridade xurídica para o noso litoral

Insiste en que se trata dunha lei moi participada e consensuada

Asevera que esta lei, ademais de coidar o aspecto ambiental dun xeito escrupuloso, garante a función social da costa galega

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, valorou hoxe a aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia por parte do Parlamento para garantir o equilibrio entre a biodiversidade e a actividade humana.

Durante a súa intervención no debate parlamentario desta nova norma autonómica, a vicepresidenta segunda recalcou que a costa cumpre un papel moi importante nos equilibrios naturais que condicionan a vida humana así como unha función social e económica, polo que ocupa unha posición estratéxica no desenvolvemento da nosa economía. A vicepresidenta segunda definiu esta lei como “transcendental” porque protexe e garante o futuro de Galicia, ademais de supor a xestión desde a Comunidade desta materia e seguridade xurídica para o noso litoral.

A maiores, segundo explicou a conselleira, a Lei do litoral aprobada hoxe inclúe nun só texto todas as políticas, sectores e instancias administrativas que teñen relación co litoral coa creación de órganos de participación, colaboración e intercambio.

De feito, tal e como insistiu Ángeles Vázquez, trátase dunha lei moi participada e consensuada. Así, desde o inicio da súa elaboración, o Goberno galego mantivo contactos cos concellos costeiros e con todos aqueles colectivos, asociacións, entidades, organizacións vinculados á costa, como, por exemplo, a cadea mar-industria e o Observatorio do Litoral, con cuxas aportacións e achegas se foi enriquecendo unha norma clave para a Comunidade. E, ademais, durante o trámite parlamentario incorporáronse ao texto definitivo preto do 40% das emendas presentadas. Nesa liña, a conselleira tamén agradeceu as achegas de diferentes departamentos autonómicos que a converten nunha lei “totalmente transversal”.

Para concluír, a vicepresidenta subliñou que a Lei do litoral permitirá consolidar o futuro da costa galega, dos seus valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e económicos ao mesmo tempo que se outorga seguridade xurídica ás actividades que se realizan nela e que supoñen o modo de vida da cidadanía que alí reside. “Esta lei ademais de coidar o aspecto ambiental dun xeito escrupuloso garante a función social da costa galega”, aseverou Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2023