Rueda destaca a experiencia do novo director da Axencia de Turismo de Galicia como a mellor garantía para que o sector siga consolidándose na comunidade

Salienta que o seu coñecemento e traballo contribuirán a que esta actividade siga sendo o mellor escaparate da marca Galicia e lembra a xestión e dedicación amosadas durante estes anos pola súa predecesora, Nava Castro

Destaca que, no que vai de ano e a pesar de non ser Xacobeo, constatouse un 15% máis de visitantes que no mesmo período de 2022, o que se traduce en 1,5 millóns de persoas e 180.000 compostelas
 

Santiago de Compostela,  3 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá á toma de posesión do novo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, do que resaltou a súa experiencia como a mellor garantía para que o sector siga dando alegrías na comunidade debido aos 24 anos de experiencia que lle avalan neste departamento.

Nesta liña, Rueda definiu a Merelles como unha “persoa colaboradora, leal e moi traballadora que coñece o oficio de sobra e sabe adaptarse ás circunstancias”, características imprescindibles para poñerse á fronte dunha actividade que supón o 13% do PIB galego e representa o escaparate por antonomasia da marca Galicia, con emblemas como o Camiño de Santiago e o Xacobeo.

Así mesmo, o presidente da Xunta tamén destacou retos futuros como a consolidación dun turismo sostible e de calidade e o mantemento dun listón que está cada vez máis alto, en relación ás cifras récord acadadas o pasado Ano Santo. “Chega unha persoa que se ten que facer cargo de seguir batendo récords con sentidiño e de mimar ao sector para que nos siga dando moitas satisfaccións”, asegurou.

Con todo, o titular do Executivo galego asegurou que Galicia está de moda tal e como referendan os datos de visitantes que chegaron á comunidade no que vai de ano. Así, a pesar de non ser Xacobeo, constatouse un 15% máis de viaxeiros que no mesmo período de 2022, o que se traduce en 1,5 millóns de persoas e 180.000 compostelas.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego tamén quixo agradecer o traballo levado a cabo pola súa predecesora, Nava Castro, poñendo en valor a súa capacidade de xestión e dedicación durante todos estes anos como unha “magnífica directora”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2023