A continuidade das obras de urbanización do Hospital de Ferrol fai necesario restrinxir o aparcamento na rúa Irmandade de Doadores de Sangue desde mañá

Esta segunda fase das obras para a nova configuración desta rúa completará ás xa executadas no verán do 2022, rematadas antes do inicio do pasado curso escolar

Nesta fase non se afectará á circulación de vehículos pero será preciso restrinxir o uso do aparcamento nesta rúa ata setembro, xusto antes do reinicio da actividade lectiva

A Xunta destina case 910.000 euros a esta actuación, dirixida a dotar de acceso viario a planta soto -2 proxectada na ampliación do complexo hospitalario, que se destinará a servizos auxiliares de lavandería e restauración

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

A continuidade na execución das obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol fan necesario restrinxir o aparcamento na rúa Irmandade de Doadores de Sangue a partir de mañá.

 

Pola natureza das obras, que consisten na modificación da configuración da rúa para que sexa posible o subministro ao novo edificio Este da ampliación do Hospital público de Ferrol, ademais de pola importante afección da propia obra aos equipamentos educativos, a urbanización desta rúa programouse para a súa execución nos veráns dos anos 2022 e 2023.

 

Xa o pasado verán, e unha vez rematado o período escolar, executouse a parte de urbanización da rúa Irmandade de Doadores de Sangue na marxe máis próxima a eses equipamentos, así como o elemento de sostemento dos dous niveis como quedará configurada a rúa. Esta parte rematouse xusto antes do inicio do novo curso, quedando programado para estes verán de 2023 continuar a obra na outra marxe desta rúa, xa que necesitaba de maior avance na obra hospitalaria.

 

Deste xeito, iniciado o novo período de vacacións escolares, e tal e como estaba programado, mañá comezará a execución da segunda fase das obras, completando a intervención.

 

Nesta fase non se afectará á circulación de vehículos, pero si que será necesario restrinxir o aparcamento na propia rúa ata principios de setembro, antes do reinicio da actividade escolar.

 
 

A intervención na rúa Doadores de Sangue supón un investimento da Xunta de case 910.000 euros e permitirá dotar de acceso viario a planta soto -2 proxectada na ampliación e reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

 

Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital, como lavandería ou restauración.

A Xunta segue a avanzar na gran renovación da sanidade pública de Ferrol á que destina un investimento que supera os 58 M€.

Data de actualización: 03/07/2023